A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda compareceu esta mañá no pleno do Parlamento para dar conta das políticas galegas en materia de solo empresarial

A aposta da Xunta desde 2015 por atraer empresas aos seus polígonos supera os 105 M€ e o solo industrial adxudicado ascende a case 2,9 millóns de m2

Nos últimos 8 anos e grazas ás medidas impulsadas para facilitar o acceso ao solo propiedade da Xunta, asignáronse 777 parcelas a 565 empresas o que supuxo un investimento indirecto superior aos 800 M€ e a creación de máis de 8.000 empregos

Ángeles Vázquez salienta que o Goberno galego “é a única administración que bonifica todas as súas parcelas”, rebaixando o prezo de venda nun 30% ou nun 50%

Destaca o balance de solo industrial de 2022, o segundo mellor ano da serie histórica, cun total de 540.000 m2 vendidos ou adxudicados en dereito de superficie

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2023

A aposta da Xunta desde o ano 2015 pola aplicación de bonificacións e incentivos para atraer ás empresas aos polígonos industriais baixo a súa xestión e titularidade supera xa os 105 millóns de euros, un esforzo que se traduciu ata o de agora na adxudicación de preto de 2,9 millóns de euros de metros cadrados de solo empresarial no conxunto de Galicia.

Estes foron algúns dos datos que avanzou esta mañá no Parlamento a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa comparecencia a petición propia para dar conta das políticas desenvolvidas polo Goberno galego en materia de solo empresarial así como das súas previsións de cara ao futuro.

Nos últimos 8 anos e grazas ás medidas impulsadas para mobilizar o solo dispoñible nos parques da Xunta, a responsable autonómica explicou que se adxudicaron un total de 777 parcelas a 565 empresas, na súa meirande parte en réxime de compravenda. Estas cifras, segundo dixo, tiveron un “impacto positivo” sobre a actividade económica e laboral de Galicia xa que se traduciron nun investimento indirecto por parte das empresas superior aos 800 millóns e no pulo á creación de máis de 8.000 empregos.

Ademais, a conselleira tamén se referiu aos 164,6 millóns de euros que desembolsaron neste período as entidades que mercaron parcelas industriais en polígonos xestionados pola Xunta e estimou en case 120 millóns de euros anuais os ingresos públicos ligados ao emprego que se xerou grazas a estas operacións.

Tras vincular este balance positivo coas políticas da Xunta nos últimos 14 anos e, particularmente, cos incentivos desde 2015, Ángeles Vázquez salientou que o Goberno galego “é a única administración que bonifica todas as súas parcelas industriais”, rebaixando o prezo de venda nun 50% (nos polígonos de Costa da Morte, Ferrolterra, da área próxima a Portugal e das provincias de Lugo e Ourense) ou nun 30% (no resto).

Neste sentido, destacou especialmente os resultados de 2022, o segundo ano co mellor balance de venda de solo empresarial desde que a Xunta ofrece bonificacións. Así, explicou que os 540.000 metros cadrados adxudicados no conxunto de Galicia o ano pasado unicamente se viron superados polos 640.000 m2 que se venderon en 2019.

Novo concurso de Xestur en 2023

De cara ao futuro, a conselleira avanzou que a aposta por incentivar a actividade empresarial en Galicia e o asentamento ou a expansión de novas firmas nos polígonos industriais que xestiona a Xunta seguirá guiando as políticas autonómicas na materia.

Tras confirmar que en 2023 se manterán os descontos de ata un 50% no prezo das parcelas e seguirase poñendo á disposición das empresas modalidades alternativas á compra para facilitarlles o acceso ao solo, Ángeles Vázquez anunciou que nestes días Xestur sacará un novo concurso coa superficie dispoñible nos seus parques. Serán, en total, 215 parcelas que se poderán adxudicar a prezo bonificado, en dereito de superficie a cambio dun canon reducido, en alugueiro ou en compravenda con pago aprazado.

 

En todo caso e co fin de atender futuras necesidades de solo empresarial, a conselleira subliñou a importancia de seguir planificando novos desenvolvementos. Neste sentido, referiuse á segunda modificación do Plan de ordenación de áreas empresariais de Galicia, na recta final da súa tramitación e que permitirá replantear 9 parques e incorporar unha ducia que non estaban previstos; así como á nova Lei de áreas empresariais, unha norma “pioneira” a nivel estatal, recordou, e que axiliza e flexibiliza a planificación do solo.

 

Co mesmo fin, a titular de Medio Ambiente engadiu que a Xunta está a traballar no desenvolvemento de 6,8 millóns de metros cadrados máis para reforzar a superficie industrial de diferentes puntos da Comunidade, citando entre as ampliacións máis avanzadas as dos parques empresariais de Xinzo, As Gándaras, Morás ou Muimenta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2023