A Xunta convoca axudas por 1,55 M€ para facilitar a compra da vivenda habitual aos menores de 35 anos

Os inmobles deberán estar emprazados en concellos de menos de 10.000 habitantes e os beneficiarios optarán a incentivos de ata 10.800 €, sen superar o 20% do custo

O ano pasado concedéronse 366 axudas a outros tantos mozos por un importe de 2.735.734,89 €, o mellor balance desde que se convoca este programa en Galicia

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2022 A Xunta de Galicia destinará este ano 1,55 millóns de euros ás axudas directas dirixidas a apoiar á mocidade na adquisición da súa vivenda habitual en municipios cunha poboación que non supere os 10.000 habitantes. Os incentivos previstos poden chegar ata un máximo de 10.800 euros por inmoble, sempre que esta contía non supere o 20% do prezo da compra.

Así se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia pola que se procede á convocatoria destas axudas, que se poderán solicitar a partir de mañá e ata o vindeiro 31 de outubro ou o momento de esgotamento do crédito. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica.

Cómpre lembrar que este programa vai dirixido a persoas de entre 18 e 35 anos, un dos colectivos que adoita ter máis dificultades económicas á hora de acceder á súa primeira vivenda en propiedade.

Para poder beneficiarse destas axudas, os solicitantes terán que acreditar que as rendas anuais de todos os membros da unidade de convivencia son iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM (24.318,84 euros), aínda que o límite subirá ata 4 ou 5 veces o IPREM en caso de que concorran determinadas circunstancias fixadas na propia convocatoria.

Cun orzamento de 1,55 millóns de euros, estes incentivos á compra de vivenda poderán solicitarse sempre que o inmoble estea localizado nalgún dos 257 municipios galegos cunha poboación inferior a 10.000 habitantes —o 82% do total—.

Máis alá da súa localización, outro dos requisitos para acceder ao programa é que o prezo de adquisición da vivenda —que terá que estar xa construída, con independencia de que sexa nova ou usada— non supere os 120.000 euros e que a operación de compravenda se realizara con posterioridade ao 15 de novembro de 2022.

Posibilidade de acollerse de novo en 2023

En todo caso, nas bases da actual convocatoria tamén se prevé a posibilidade de que aquelas persoas que solicitaran ao abeiro da convocatoria do ano pasado unha axuda para comprar vivenda e non a recibiron por esgotamento dos fondos, poidan acollerse tamén á convocatoria deste ano presentando unha nova solicitude.

Así mesmo, estas subvencións á adquisición de vivenda serán compatibles con aquelas destinadas ao mesmo fin sempre que as outorgue calquera outra institución pública ou privada diferente da Xunta de Galicia.

Por último, cómpre subliñar que o ano pasado a Xunta concedeu un total de 366 axudas para adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, por un importe total de 2.735.734,89 euros, o mellor balance desde que se convocan este tipo de axudas en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2023