O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participaron hoxe na entrega de títulos de propiedade desta zona

A Xunta investiu algo máis de 3,1 millóns de euros na finalización da concentración parcelaria de Nebra, no concello coruñés de Porto do Son

Este proceso reorganizou unha superficie de 610 hectáreas, triplicando a superficie media das parcelas resultantes, propiedade duns 1.160 veciños


Entre o ano 2020 e o que vai de 2023, a Xunta rematou un total de 25 parcelarias -contando a de hoxe-, que abarcaron unha superficie total de máis de 18.000 hectáreas e beneficiando preto de 12.500 propietarios


O conselleiro achegarase posteriormente a un cebadoiro de xatos beneficiario dunha axuda para a incorporación de mozos ao agro
 

Porto do Son (A Coruña), 7 de febreiro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participaron esta mañá na entrega dos títulos de propiedade da parcelaria de Nebra, no concello coruñés de Porto do Son. Desta forma, dáse por rematado este proceso de reorganización do territorio, no cal a Xunta investiu algo máis de 3,1 millóns de euros.

 

Neste acto, o conselleiro destacou que se traballou nunha superficie de 610 hectáreas, propiedade duns 1.160 veciños. Así, pasouse de case 7.500 predios a unhas 2.500 parcelas, o que supuxo que a superficie media por parcela se triplicase e pasarse duns 814 a 2.485 metros cadrados.

 

Así, advertiu José González, as parcelarias seguen a ser un dos mellores mecanismos para darlle máis valor ás terras, á vez que permiten aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. Por iso, apuntou, as novas concentracións teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións. Neste senso, sinalou que a Xunta seguirá entregando títulos noutras áreas de Galicia e decretaranse novas zonas onde a prioridade sexa, precisamente, a ampliación de base territorial para as explotacións agropecuarias. Así, a Consellería ten orzamentados 17 millóns de euros en 2023 para tal fin.

 

De feito, entre o ano 2020 e o que vai de 2023, salientou o conselleiro, a Xunta rematou un total de 25 concentracións parcelarias -contando a de hoxe-, que abarcaron unha superficie total de máis de 18.000 hectáreas, beneficiando preto de 12.500 propietarios que recibiron máis de 28.000 títulos de propiedade.

 

Así mesmo, o titular de Medio Rural lembrou que entre os anos 2021 e o que levamos de 2023, decretáronse 27 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan un total de 22.589 ha e 107.317 parcelas de 15.387 titulares. Ademais, matizou, o obxectivo en ambos casos é acadar a trintena de procesos -decretados e finalizados- neste primeiro semestre do ano.

 

Lei de recuperación

Ademais, xunto coas parcelarias, engadiu o conselleiro, impulsaranse tamén os procesos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Uns mecanismos de mobilización voluntarios que permiten unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

 

Precisamente, destacou José González, desde a entrada en vigor da Lei de recuperación -en maio de 2021- arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas voluntarias no concello de Friol, na provincia de Lugo.

 

Así, con todos estes instrumentos, destacou o conselleiro, “nos tres últimos anos puxemos a andar procedementos para mobilizar e para dar terreos aos nosos agricultores e gandeiros por riba das 30.000 hectáreas”. E engadiu que “estamos a falar do 1 % do territorio galego, polo que penso que é un esforzo importante”, remarcou.

 
Cebadoiro de vacún

Logo da entrega destes títulos, o conselleiro -acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros- achegarase a un cebadoiro de xatos, beneficiario das achegas que vén convocando a Xunta para promover a incorporación de mozos e mozas ao agro. Estas achegas, indicou José González, teñen unha gran repercusión no medio rural, xa que a través delas conséguese aumentar a competitividade e o rendemento global das explotacións agropecuarias mediante a súa modernización e asegurar a continuidade do tecido agrario, ao sufragarse tamén os plans de mellora e a creación de pequenas explotacións.

 

Nesta liña, o conselleiro salientou que este ano se rexistrou un incremento do 28 % na porcentaxe de expedientes aprobados de incorporación de mozos. A convocatoria 2023 destas subvencións está actualmente aberta para todos aqueles interesados. Unha convocatoria que este ano contempla un orzamento total de 38,8 millóns de euros (un 3,5% máis que na anterior).

 

Así mesmo, tamén segue aberta a convocatoria de axudas extraordinarias para os produtores galegos de carne, cun orzamento de máis de 17 millóns de euros. Estas achegas buscan compensar as dificultades económicas do sector por mor do incremento dos custos de produción derivado da alteración do mercado internacional de materias primas e subministracións, tras a invasión rusa de Ucraína.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2023