A Xunta convoca os premios á cooperación e o certame ‘Cooperativismo no ensino’ para achegar á sociedade os beneficios desta fórmula de emprendemento

O Goberno galego outorgará 5.000 euros á entidade que máis represente os valores cooperativos, ao mellor proxecto novo e á traxectoria dunha cooperativa


O certame escolar está aberto á participación do alumnado de infantil, primaria, secundaria, educación especial, formación profesional e ensinanzas de réxime especial


Ambas as dúas convocatorias suman 43.000 euros en premios


Os certames buscan resaltar os valores que promove este modelo de negocio tales como a sustentabilidade, a xestión democrática ou o interese pola comunidade
 

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2023

A Xunta acaba de convocar, na súa edición 2023, no Diario Oficial de Galicia (DOG), os Premios á Cooperación e do certame de Cooperativismo no Ensino, iniciativas coas que se quere recoñecer o esforzo destas entidades da economía social, promover os seus beneficios e dala a coñecer entre a poboación máis nova.  

Os Premios á Cooperación, dotados con 15.000 euros, teñen como finalidade fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores e recompensar publicamente o traballo que as entidades realizan a favor do cooperativismo na comunidade.

Poden optar a estes galardóns todas as cooperativas galegas que teñan destacado polo seu traballo, que estean ao día das súas obrigas rexistrais e que non resultaran recoñecidas en anos anteriores.

Ao igual que en edicións previas, as modalidades da convocatoria son tres: premio aos valores cooperativos, ao mellor proxecto cooperativo novo e á traxectoria cooperativa. Cada un destes galardóns está dotado con 5.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes ábrese hoxe e rematará o próximo 28 de abril.  

O premio aos valores cooperativos outorgarase á entidade que máis teña destacado no impulso dos valores e principios cooperativos recoñecidos como a adhesión voluntaria e aberta, a xestión democrática, e equidade, a solidariedade, a transparencia, a educación e formación ou ao interese demostrado en favor da comunidade, entre outros.

Na categoría de mellor cooperativa nova, recoñecerase unha entidade cunha antigüidade igual ou menor a 42 meses no momento da convocatoria, que destaque polas contribucións nos aspectos sociais, económicos, culturais ou ambientais. Teranse en conta tanto a relevancia dos proxectos como o seu carácter innovador, sustentable e a repercusión nas súas respectivas contornas.

 

O galardón á mellor traxectoria diríxese a cooperativas con máis de 42 meses de antigüidade, e que teña resaltado, entre outros, pola solidez dos resultados económicos acadados, a xeración de postos de traballo, as relacións de intercooperación ou a expansión territorial do seu negocio.

 
Certame escolar

O DOG convoca hoxe, por outra banda, o certame de Cooperativismo no Ensino, co que o Goberno galego proponse promover esta fórmula de emprendemento entre o alumnado de centros escolares galegos.

O certame está aberto á participación de centros educativos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.

No desenvolvemento dos seus traballos primarase a presenza de valores e principios que inspiran o cooperativismo, tales como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.

As rapazas e rapaces poden presentar os seus traballos en tres diferentes modalidades: 1ª, actividades artísticas (para educación infantil, primaria e educación especial), 2ª, actividades cooperativizadas (para educación secundaria obrigatoria e educación especial) e 3ª, proxectos empresariais cooperativos (para centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial).

No caso da modalidade de mellor proxecto empresarial cooperativo, os dous mellores poderán entrar a formar parte dos programas de emprendemento na economía social e mentorización que desenvolve a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

O certame escolar conta cunha dotación económica de 28.000 euros que se destinarán aos premios nas diferentes categorías. O prazo para presentar os proxectos tamén abrirase mañá e rematará o 28 de abril.

Data de actualización: 07/02/2023