Lorenzana sinala en Vigo o impulso autonómico á formación axustada á demanda das empresas con 3,3 M€ para cualificar 7.500 galegos en 9 sectores estratéxicos

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe nunha xuntanza de traballo co foro empresarial Vicus Gallaecia

Avanzou que a Xunta asinará este ano convenios de colaboración cos clústeres e entidades do naval, a automoción, o sector metalmecánico, das enerxías renovables, TIC, construción, comercio, hidróxeno e minaría

A iniciativa, que permitirá poñer en marcha 285 cursos, busca dar resposta ás vacantes laborais en Galicia

Vigo, 6 de febreiro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe en Vigo o impulso á formación adaptada ás necesidades do tecido empresarial que está a facer a Xunta de Galicia para casar oferta e demanda e, deste xeito, dar saída ás vacantes que na actualidade existen no mercado de traballo. Nunha xuntanza de traballo que mantivo co foro de empresarios Vicus Gallaecia, que se creou hai un ano e medio na cidade viguesa, Lorenzana puxo en valor os convenios de colaboración que en 2023 asinará a Xunta cos principais clústeres galegos e entidades representativas dun total de nove sectores estratéxicos para continuar impulsando a formación axustada á demanda do tecido produtivo.

Así, para 2023 e cun investimento que supera os 3,3 millóns de euros, avanzou que se asinarán convenios de colaboración cos clústers do sector naval galego (Aclunaga); da automoción (Ceaga); das enerxías renovables (Cluergal); do sector do metal (Asime); e das TIC;  coa Federación Galega de Comercio; coa Fundación Laboral da Construción; coa Cámara Oficial Mineira de Galicia (Comg); e coa Asociación Galega do Hidróxeno (AGH2). A actuación permitirá a formación de máis de 7.500 persoas desempregadas e ocupadas a través duns 285 cursos.

A conselleira lembrou que precisamente o pasado mes de decembro, o Consello da Xunta declarou de carácter prioritario a cualificación nestes nove sectores, así como en proxectos industriais declarados estratéxicos polo Goberno galego e tamén naqueles outros sectores que poidan ser definidos como tales en función do seu peso no tecido produtivo galego ou das características particulares da súa poboación traballadora no eido formativa.

Estes noves sectores, ademais, teñen un carácter relevante na transición verde e dixital pola que se está a apostar no actual contexto socioeconómico. A formación nestes ámbitos é un compromiso da Xunta de Galicia por dotar ás persoas desempregadas e ocupadas das competencias precisas que aumenten as súas oportunidades de traballo.

Unidades formativas en empresas

A Xunta, este 2023, está a incrementar o orzamento destinado a formación para o emprego e orientación laboral nun 9,6%, ata chegar aos 202,2 millóns de euros, para seguir mellorando a capacitación das mulleres e dos homes que o precisen. Trátase do 47% da contía global do presuposto da Consellería (432 millóns) para o vindeiro ano.

Dos 202,2 millóns de euros, un total de 104 investiranse no novo Plan galego de formación para o emprego co que o Goberno galego segue impulsando unha formación dual e flexible, adaptada ás tendencias do tecido produtivo e ao actual mercado laboral. Contará cun 26,8% máis que no exercicio anterior para chegar a máis xente e con mellores programas. No marco deste investimento, prevese a sinatura destes nove convenios de colaboración ou os 5,7 millóns de euros que se reservarán para unha nova convocatoria das Unidades Formativas en Empresas, a través das que a Xunta financia formación á carta de persoas desempregadas e ocupadas nas compañías galegas.

A conselleira tamén lembrou que a Xunta está a executar a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego coa que se pretende  dar resposta ás necesidades formativas das galegas e galegos e á demanda do traballo que precisan as empresas.

Para rematar, a titular de Promoción do Emprego fixo referencia a outras dúas iniciativas nas que está a facer fincapé o Goberno galego para impulsar o emprendemento e o emprego en Galicia: a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que se está a despregar por toda a comunidade galega con 12 oficinas de asesoramento aos proxectos empresariais en todas as súas fases, desde principio a fin (está previsto un polo en Pontevedra Leste e Sur); e a nova Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 que con 450 millóns de orzamento estima facilitar o regreso á súa terra de 30.000 galegas e galegos do exterior. Esta nova planificación, en palabras de Lorenzana, pon o foco de xeito relevante no eido laboral, ao que se destinarán 175 millóns de euros para impulsar o emprendemento, a formación e o emprego das persoas galegas do exterior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2023