A sanidade pública galega reduce a mínimos históricos o tempo de atención ao infarto desde o diagnóstico

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, interveu hoxe, de xeito telemático, na inauguración do IV Simposio Innova-Vigo, punto de encontro para o intercambio de experiencias a nivel nacional e internacional da patoloxía cardiovascular

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, “a redución en Galicia, a mínimos históricos, do tempo de atención ao infarto dende o diagnóstico”. En concreto, segundo sinalou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, “o tempo que vai dende a realización do electrocardiograma de diagnóstico ata o momento da apertura da arteria responsable do infarto situouse, a xuño do pasado ano, en 97 minutos”. O indicador de calidade para a Sociedade Española de Cardioloxía é que este tempo de resposta sexa de 120 minutos.

 

Estes datos foron facilitados polo conselleiro, na súa intervención telemática, no acto de inauguración do IV Simposio Innova Vigo, punto de encontro para o intercambio de experiencias a nivel nacional e internacional da patoloxía cardiovascular.

 

Tal e como incidiu o responsable do Sergas, “para un sistema de saúde, a enfermidade coronaria ten que ser unha prioridade, xa que seguimos a falar dunha das principais causas de morte no mundo”. Xa por iso, no ano 2005, a Xunta puxo en marcha o Programa Galego de atención ao infarto agudo de miocardio (Progaliam), que era pioneiro nunha comunidade autónoma pluriprovincial, “e que foi precursor á hora de desenvolver unha rede capaz de identificar e atender, dun xeito precoz e con calidade, aos pacientes que sofren un infarto agudo de miocardio”.

 

Posteriormente, no 2015, o goberno galego creou o Rexistro galego do infarto agudo de miocardio (Regaliam), e xustamente os seus datos foron os que moveron á Xunta a ampliar os servizos das salas de hemodinámica. Así, en 2019, ampliouse ás 24 horas o horario da sala de hemodinámica da área sanitaria de Lugo e, no 2020, fíxose o mesmo coa de Ourense.

 

En materia de equipamento, Comesaña destacou que a Xunta adxudicou, por preto de seis millóns de euros, os contratos para adquirir sete equipos de hemodinámica destinados á rede de hospitais galegos. Dúas delas para a área sanitaria de Vigo.

 

Remarcou, tamén, que “o Sergas segue a facer unha aposta decidida pola tecnoloxía máis innovadora”. Así, dispón da plataforma TELEA de teleasistencia a domicilio que fai o seguimento dos pacientes crónicos.

 
Para rematar a súa intervención, dixo que Galicia conta cuns profesionais excelentes que fan que estes servizos obteñan numerosos recoñecementos, “mantendo á nosa comunidade á vangarda no que se refire á cardioloxía intervencionista”. Tamén agradeceu a organización do Simposio a todo o equipo do Servizo de Cardioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro e á súa unidade de Investigación Cardiovascular.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2023