A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, participou hoxe nos traballos de repoboación en Caldas de Reis

A Xunta colabora na plantación dunha hectárea de árbores autóctonas no marco da campaña Camiño da reciclaxe

O proxecto, que ten como obxectivo concienciar aos peregrinos da importancia de manter o Camiño de Santiago limpo e fomentar a reciclaxe, permitiu plantar un total de 625 carballos, bidueiros e cerdeiras

Caldas de Reis (Pontevedra), 6 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia e colaboración con Ecoembes participou hoxe na plantación de 625 árbores autóctonas nunha hectárea de bosque en Caldas de Reis (Pontevedra). Esta actuación enmárcase dentro da campaña Camiño da Reciclaxe, coa que desde hai anos o Goberno galego materializa o seu compromiso co coidado e a conservación das rutas xacobeas ofrecendoferramentas a peregrinos e albergues para fomentar a reciclaxe e o turismo sustentable.

O acto de plantación de carballos, bidueiros e cerdeiras tivo lugar esta mañá, e contou coa presencia e participación da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez Castellanos.

Esta actuación é resultado da colaboración prestada polas persoas que o pasado verán selaron as súas Compostelas de ecoperegrino nos nos albergues que participan activamente na campaña Camiño da Reciclaxe.

“Con xestos da cidadanía como depositar o lixo no contedor que corresponde contribuímos á redución das emisión de gases de efecto invernadoiro, reducimos a cantidade de lixo que acaba nos nosos vertedoiros e participamos activamente na economía circular”, declarou a directora xeral, quen lembrou a importancia de iniciativas como esta para lograr que “Galicia acade a neutralidade climática antes de 2050”.

En total, no verán de 2022, o labor dos ecoperegrinos permitiu a recolección de 141 toneladas de envases nos 214 albergues que colaboraron nesta edición da campaña.

Unha nova árbore por cada Compostela de ecoperegrino selada

Cómpre destacar que a plantación na que participou a Xunta esta mañá é froito do compromiso dos peregrinos coa reciclaxe e a natureza. Co fin de dar visibilidade ás boas prácticas no Camiño, fíxose un chamamento para que todos os participantes nesta campaña subisen a Instagram ou Twitter unha fotografía da súa Compostela con tres selos de ecoalbergues empregando a etiqueta #ecoperegrino.

Este é o terceiro ano consecutivo que a Xunta e Ecoembes colaboran na plantación de árbores autóctonas no marco de Camiño da Reciclaxe. Cos 625 exemplares de hoxe, xa son máis de 2.000 as árbores coas que se repoboaron montes de distintos puntos de Galicia grazas a esta iniciativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2023