O conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal mantiveron un encontro de traballo con representantes da asociación de Sofor de Galicia

A Xunta porá en marcha a investigación da propiedade nas Sofor para mellorar a súa xestión como agrupacións de xestión conxunta no marco da Lei de recuperación

José González sinalou que por unha banda se iniciará o proceso de declaración de parcelas en situación de abandono ou infrautilización para os propietarios coñecidos que non formen parte das Sofor e non teñan o mesmo nivel de xestión

Indicou que, por outra parte, comezará a investigación da propiedade dos terreos de donos descoñecidos, coa finalidade de incorporalos ao Banco de terras de cara á súa posta en valor

Puxo en valor a figura dos polígonos agroforestais para facilitar unha mellor xestión das parcelas incluídas dentro destas sociedades de fomento forestal

Na xuntanza abordouse tamén a mellora da fiscalidade destas figuras, co fin de equiparar a súa tributación á das persoas físicas titulares de terreos no monte

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2023 A Xunta de Galicia porá en marcha o procedemento de investigación da propiedade no ámbito das sociedades de fomento forestal (Sofor) para mellorar a súa xestión como agrupacións de xestión conxunta, no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así llelo confirmou o conselleiro do Medio Rural, José González, aos representantes da recentemente constituída Asociación de Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) de Galicia, cos que mantivo un encontro de traballo no que tamén participou o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.

 

Por unha banda, Medio Rural iniciará o proceso de declaración de parcelas en situación de abandono ou infrautilización para os propietarios coñecidos que non formen parte das Sofor  e non teñan o mesmo nivel de xestión que as do resto da agrupación forestal. Por outra parte, a Xunta comezará tamén a investigación da propiedade dos terreos de donos descoñecidos, coa finalidade de incorporalos, no seu caso, ao Banco de terras de cara á súa posta en valor. Así, decidiuse empezar co uso da facultade de investigación nestas figuras forestais para poñer a disposición os terreos e mellorar a xestión conxunta da agrupación.

 

Polígonos agroforestais

Nesta reunión, os responsables da Consellería destacaron a utilidade de figuras da Lei de recuperación da terra como os polígonos agroforestais para facilitar unha mellor xestión das parcelas incluídas dentro das Sofor. Trataríase de aplicar este tipo de fórmulas co fin de acadar propiedades mellor estruturadas para a xestión forestal, paliando as dificultades que presenta o minifundio neste eido.

 

Neste sentido, o conselleiro lembrou que precisamente os polígonos agroforestais perseguen a recuperación de grandes superficies de terreo, un enfoque de especial interese para a xestión forestal, que resulta moito máis eficiente, áxil e sustentable en parcelas de certa dimensión. Xa que logo, a reestruturación da propiedade mediante unha figura como os polígonos pode ter un elevado interese para estes propietarios agrupados en Sofor.

 

Ademais, no encontro tratouse a mellora da fiscalidade destas sociedades. Neste sentido, os representantes da Xunta trasladaron as xestións que veñen facendo diante da Administración Xeral do Estado para procurar unha equiparación da tributación das Sofor -que teñen a condición xurídica de sociedades limitadas- á das persoas físicas titulares de terreos forestais, para quen é máis vantaxosa a fiscalidade.

 
Neste contexto, o conselleiro comprometeuse a seguir afondando nesta liña de traballo, co fin de harmonizar aspectos como os coeficientes sobre aproveitamentos forestais, que actualmente, consonte á normativa estatal, gravan máis ás sociedades limitadas que ás persoas físicas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2023