Trenor anima aos alcaldes a solicitar as axudas do Fondo de Compensación Ambiental destinadas á mellora do medio natural

A través desta orde o Goberno galego destinou máis de 600.000€, o ano pasado, a 13 concellos da comarca de Bergantiños-Costa da Morte, para apoiar accións das administracións locais a prol da biodiversidade, do coñecemento dos recursos naturais, da recuperación da contorna e da eficiencia enerxética

Estes apoios contan con dúas liñas, unha dirixida a concellos nos que haxa parques eólicos e outra a todos os concellos e a mancomunidades ou consorcios locais de Galicia

A iniciativa púxose en marcha en 2010 para distribuír o canon eólico en beneficio do medio natural e do reequilibrio territorial

Laxe (A Coruña), 6 de febreiro de 2023 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o Concello de Laxe, acompañado polo seu alcalde, José Luis Pérez, para animar aos rexedores da comarca a solicitar as axudas do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), destinado a apoiar os concellos na mellora do medio natural. A Xunta destina máis de 11 millóns de euros a esta iniciativa, creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. Esta convocatoria estará aberta ata o 27 de febreiro.

 

Trenor fixo estas declaracións durante a visita ao Concello de Laxe na que coñeceu o novo vehículo eficiente para a brigada de obras adquirido o ano pasado ao abeiro desta orde que contou cunha axuda de 30.000 euros da Xunta para a súa adquisición. O representante do Goberno galego lembrou que na comarca de Bergantiños-Costa da Morte a Xunta investiu no 2022 máis de 600.000 euros nos concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cerceda, Coristanco, Dumbría, A Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso, Vimianzo, e Zas para actuacións a prol da biodiversidade, do coñecemento dos recursos naturais, da recuperación da contorna e da eficiencia enerxética

 

Trenor informou que esta orde distingue dúas liñas de axudas, unha en concorrencia non competitiva, dotada con 6 millóns de euros, e outra en concorrencia competitiva, á que se asignan 1,7 millóns de euros. A estas contías súmanse 3,5 millóns de euros destinados a actuacións específicas de protección do medio, entre as que figuran a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou de risco.

 

A primeira das liñas vai dirixida aos concellos nos que haxa parques eólicos e son posibles grazas á aprobación, en 2009 da lei, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico xa que antes os concellos non percibían nada polos muíños de produción de enerxía eléctrica instalados no seu territorio.

 A segunda liña poden solicitala todos os concellos, mancomunidades ou consorcios locais de Galicia, sempre que estean participados por un ou varios concellos. Cada municipio pode presentar ata dúas solicitudes, sempre que unha sexa individual e outra conxunta. Cada unha delas debe corresponderse cun único proxecto, que, no caso das solicitudes individuais de concellos, pode abranguer varias accións.

 

As accións subvencionables inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio. Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural.

 

Neste marco, poden acollerse ás axudas as campañas divulgativas, plans e proxectos ambientais, as accións de eficiencia enerxética e de redución da contaminación lumínica, as melloras enerxéticas nas instalacións municipais, e a adquisición de vehículos con distintivo ambiental ou destinados a actuacións a prol da contorna natural. As infraestruturas destinadas á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, as actuacións a prol da integración paisaxística nos núcleos rurais e os proxectos para evitar a degradación e facilitar o control ambiental no ámbito municipal son outras das iniciativas subvencionables ao abeiro desta convocatoria.

 

A maiores, as axudas cobren tamén os gastos do persoal vinculado á execución das accións subvencionables.

 

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

 

Máis de 116M€ desde 2010

Desde a súa creación, en 2010, o Fondo de Compensación Ambiental permitiu cofinanciar proxectos por un importe de 116.655.448 millóns de euros.  O pasado ano, no caso da liña do fondo en concorrencia competitiva foron beneficiarias 94 entidades locais galegas.  No que se refire á liña do fondo en concorrencia non competitiva, en 2022, 123 concellos recibiron 6 millóns de euros polo asentamento de parques eólicos no seu ámbito xeográfico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2023