A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto coa delegada da Xunta en Ferrol, supervisou o resultado das obras no treito de 17,5 km entre San Sadurniño e O Campo do Hospital, ás que se destinaron 7,2 M€

Ethel Vázquez salienta o remate da 1ª fase de mellora da AC-862, que continuará agora ata A Ponte de Mera e suporá un antes e un despois na mobilidade entre San Sadurniño e Ortigueira tras 15 M€ de investimento

Nesta 1ª fase actuouse en 4 treitos mellorando o trazado, coa rectificación de curvas de radio reducido; a disposición de terceiro carril para facilitar os adiantamentos; ou a optimización do carril lento que había en sentido Ferrol

Vázquez Mourelle subliña a mellora significativa na mobilidade, ao habilitar case 4 quilómetros de terceiro carril de adiantamento e dispoñer cunetas rebasables nas marxes da estrada, que contribúen ao reforzo da seguridade viaria

Suma á finalización desta actuación a rematada xa en setembro na estrada de Valdoviño a Cedeira, que permitiu acurtar un 30% o tempo de percorrido cun investimento da Xunta de 4,7 M€

Avanza a continuidade da mellora das comunicacións entre Ferrolterra e Ortegal co inicio, na primavera, da 2ª fase da mellora da AC-862, 3 quilómetros máis ata A Ponte de Mera que suporá un investimento de 7,5 M€ e case a execución “dunha estrada nova”

Cerdido (A Coruña) 6 de xaneiro de 2023 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe o remate da 1ª fase de mellora da estrada AC-862, que continuará agora ata A Ponte de Mera e suporá un antes e un despois na mobilidade entre San Sadurniño e Ortigueira tras 15 M€ de investimento da Xunta.

 

Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, supervisou hoxe o resultado das obras nesta vía principal de comunicación entre Ferrol e os municipios de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Ortigueira, no treito entre San Sadurniño e O Campo do Hospital. Esta intervención de mellora da capacidade e de reforzo das condicións de seguridade e comodidade da vía supuxo un investimento da Xunta de 7,2 M€.

 

A conselleira detallou as actuacións acometidas ao longo de 17,5 km en total, no treito da estrada que se inicia unha vez superado o núcleo de San Sadurniño, tras deixar atrás o enlace coa autovía Ferrol-Vilalba, ata chegar ao Campo do Hospital, no concello de Cerdido.

 

Concretou os distintos traballos levados a cabo en 4 treitos para a mellora de trazado, coa rectificación de curvas de radio reducido; a disposición de terceiro carril para facilitar os adiantamentos; ou a optimización do carril lento que había en sentido Ferrol.

 

Incidiu en que as intervencións realizadas supuxeron unha mellora significativa na mobilidade, ao habilitar case 4 quilómetros de terceiro carril de adiantamento e dispoñer cunetas rebasables nas marxes da estrada, que contribúen ao reforzo da seguridade viaria. Os traballos completáronse coa mellora das interseccións, sinalización e drenaxe.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade remarcou que se tratou dunha actuación integral e ambiciosa, de certa complexidade técnica, onde se fixeron desmontes de ata 20 metros de altura, ademais de obras de canalizacións e drenaxe.

 

A conselleira sinalou que a conclusión desta actuación se suma á xa rematada pola Xunta no mes de setembro, de mellora da estrada de Valdoviño a Cedeira, que permitiu acurtar un 30% o tempo de percorrido grazas a un investimento autonómico de 4,7 M€.

 

Ethel Vázquez subliñou que a Xunta segue dando así os pasos fixados na folla de ruta consensuada cos alcaldes e cos veciños para mellorar as comunicacións de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña, avanzando sen demora na planificación pactada.

 

A este respecto, avanzou o obxectivo de iniciar os traballos da 2ª fase da mellora da AC-862 na primavera, cun prazo de execución de 18 meses e cun investimento de 7,5 M€, para continuar agora en 3 km máis ata A Ponte de Mera o que suporá, dixo, “case a execución dunha estrada nova”.

 

Lembrou que en novembro se licitaron xa as obras da 2ª fase de mellora desta estrada AC-862 ata Ortigueira, para actuar en algo máis de 3 km entre O Campo do Hospital e A Ponte de Mera. Nesta 2ª fase seguirase a mesma liña de traballo que na primeira, con actuacións similares ás xa executadas no primeiro treito: a rectificación de 13 curvas, a instalación de cunetas de seguridade e habilitación de terceiros carrís.

 

A intervención inclúe a disposición de barreiras nos bordos da vía onde a altura dos recheos supere os 3 metros de altura; a instalación de barreiras para a protección de motoristas nas zonas con radio reducido; a ampliación das beiravías; e sinalización.

 

A conselleira destacou que está intervención suporá practicamente a construción dunha nova estrada neses 3 quilómetros.

 

Segundo indicou Ethel Vázquez, nestes momentos estanse valorando as ofertas recibidas e están avanzados os actos expropiatorios, co levantamento de actas previas xa realizadas e a formalización das actas de ocupación prevista para comezos de marzo.

 
Trátase, tal e como apuntou a conselleira, de completar un investimento da Xunta de preto de 15 M€ nunha actuación “transformadora” da mobilidade no eixe San Sadurniño-Ortigueira, que suporá, dixo, “un antes e un despois” na seguridade viaria e na comodidade dos desprazamentos dos veciños da zona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2023