A Xunta convoca as axudas do Plan Rehaluga para a rehabilitación de inmobles incluídos no Programa de mobilización de vivendas para o alugueiro

O prazo de solicitude será desde mañá ata o vindeiro 3 de novembro, ou ata o esgotamento da partida orzamentaria

A contía das axudas oscila entre os 3.000 e os 8.000 euros en función da renda de alugueiro e do concello no que se localice a vivenda a rehabilitar

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2023 A Xunta de Galicia convoca as axudas do Plan Rehaluga para a rehabilitación de inmobles incluídos no Programa de mobilización de vivendas para o alugueiro por un importe de 300.000 euros, segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Os solicitantes terán de prazo desde mañá, martes, 7 de febreiro, ata o vindeiro 3 de novembro -ou esgotamento da partida orzamentaria- para solicitar estas axudas, que oscilan entre os 3.000 e os 8.000 euros en función da renda de alugueiro e do concello no que se localice a vivenda a rehabilitar.

Ademais, poderán acollerse a esta convocatoria as obras realizadas desde o 3 de outubro de 2022 e o prazo de execución non pode exceder, en ningún caso, o 30 de abril de 2024.

As actuacións para as que se pode solicitar este financiamento son, entre outras, obras de conservación e mantemento, así como as necesarias para garantir a habitabilidade da vivenda e o correcto funcionamento das súas instalacións. Tamén serán subvencionables axustes na distribución do inmoble que non impliquen unha alteración substancial da súa configuración; a adquisición e colocación de mobiliario de cociña e electrodomésticos -neveira, cociña, forno e campá extractora-, e o cambio de sanitarios, bañeira e mamparas.

Cómpre salientar estas axudas son compatibles con outras concedidas para o mesmo obxectivo por outras administracións, pero non se poderá percibir máis dunha concesión para a mesma vivenda a través deste Programa Rehaluga.

O Programa de mobilización de vivendas para o alugueiro, posto en marcha pola Xunta o pasado mes de outubro, ten como obxectivo a incorporación de inmobles sen uso ao mercado do alugueiro a prezos accesibles coa colaboración dos axentes inmobiliarios, que son os encargados de localizar e captar vivendas que reúnan os requisitos axeitados e asinar o contrato entre arrendador e arrendatario.

Data de actualización: 06/02/2023