A Xunta inaugura na Coruña a exposición ArteNON que integra a visión artística de 12 ilustradoras contra a violencia de xénero

O delegado da Xunta puxo en valor na presentación da mostra o emprego da arte como instrumento de loita pola igualdade e para a sensibilización da cidadanía

A Coruña, 6 de febreiro de 2023 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou na inauguración da exposición ArteNON na delegación territorial da Xunta na Coruña, unha mostra que reúne a visión de 12 ilustradoras sobre a loita contra a violencia de xénero e aspira a xerar conciencia entre a cidadanía. A mostra poderá visitarse ata o 1 de marzo.

Trenor sinalou que con esta mostra a Xunta “pretende contribuír á concienciación de toda a sociedade contra a violencia de xénero nas súas múltiples formas e manifestacións”. “As artistas, de diferentes idades e experiencias, empregan a arte como instrumento de loita pola igualdade de xénero e como símbolo de empoderamento feminino contra as agresións machistas”, remarcou.

A violencia contra as mulleres é, segundo relatou o delegado, “a punta do iceberg dun problema de fondo que require de sensibilización, educación e toma de conciencia”. Nesta liña lembrou “que os datos que se rexistran de violencia de xénero dan boa conta de que algo está a cambiar, e que o que antes quedaba restrinxido ao ámbito familiar, silenciado e minusvalorado, agora sae a luz da man das propias vítimas e protagonistas desta historia”, destacou.

O Goberno galego segue a previr e sensibilizar, para visibilizar e crear conciencia social, para dicirlle “non” á violencia de xénero con iniciativas como esta impactante exposición, que contribúe a xerar reflexións e achegar esta tema á cidadanía

 

Doce ilustradoras

A exposición xira arredor da conceptualización da violencia de xénero, para xerar unha mirada crítica e intransixente ao respecto.

Doce artistas colaboradoras protagonizan cadanseus tótems nos que interpretan a súa visión na loita contra a violencia de xénero. Trátase de Andrea López, Candela Piñeiro, Alicia Suárez, Julia Gema, Eva Carballeira, Aurora Cascudo, Paula Cheshire, Paula Mayor, Abi Castillo, Idoia de Luxán, Lara Torres e Laura Tova.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2023