A Xunta convoca axudas para apoiar cerca de 150 empregos de persoas en risco ou exclusión social en empresas galegas de inserción

O Diario Oficial de Galicia publica as bases para as axudas destinadas a que estas entidades sufraguen os custos laborais destas persoas ata un máximo de tres anos

Con esta medida trátase de preparar ao colectivo con especiales dificultades de inserción na súa transición ao mercado laboral ordinario

Na actualidade Galicia conta con 13 empresas de inserción

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2023 A Xunta de Galicia apoiará a contratación de persoas en risco de exclusión social en empresas de inserción, que recibirán formación e emprego durante un máximo de tres anos. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta convocatoria dotada con 1,2 millóns de euros para 2023, dirixida a sufragar os custos salariais dos postos nestas entidades para contribuír a mellorar as oportunidades destas persoas con dificultade para traballar e para facilitar o seu camiño de acceso ao mercado laboral ordinario.

Como requisito, as empresas solicitantes deberán ocupar o seu cadro de persoal con alomenos o 30% de persoas en situación ou risco de exclusión social.

A liña de apoios artéllase en dous programas. Un primeiro (1,1M€), está destinado a incentivar a incorporación destas persoas desempregadas, financiando o custo salarial cunha contía equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora en proceso de inserción contratada a xornada completa. O segundo (140.000 euros), inclúe incentivos para favorecer a creación de empresas de inserción, para axudar na xestión e dirección das novas entidades e financiar o persoal técnico de orientación.

A Xunta de Galicia traballa coa expectativa de que estes apoios cheguen ás 13 empresas de inserción activas rexistradas na comunidade e dean cobertura a 144 postos de persoas en exclusión social.

O orzamento inicial desta liña experimenta este 2023 un incremento do 24% respecto da convocatoria de 2022 ata chegar a 1.240.000 euros.

O Goberno galego, con esta iniciativa, está a promover as empresas de inserción como recurso para facilitar a incorporación efectiva ao mercado laboral ordinario das persoas en situación ou risco de exclusión social.

As empresas de inserción forman parte da economía social. Son sociedades mercantís ou cooperativas legalmente constituídas que, realizando calquera actividade económica de produción de bens e servizos, teñen por obxecto social a integración e formación sociolaboral de persoas en situación de exclusión social como paso previo ao seu tránsito ao emprego ordinario.

A orde que hoxe se publica en DOG favorece a promoción de empregos estables e de calidade e impulsa a transición entre a formación de persoas en situación de risco ou exclusión social e a súa incorporación ao mercado laboral. A finalidade é obter un emprego que permita reforzar a situación económica das familias en situación de vulnerabilidade.

As empresas de inserción interesadas nos apoios contan de prazo ata o 2 de outubro para facer chegar ás súas solicitudes á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que convoca os incentivos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2023