A Xunta aproba máis de mil subvencións por importe de 37,5 M€ para plans de mellora, a creación de pequenas explotacións e a incorporación de mozos á actividade agrogandeira

O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución das axudas da Consellería do Medio Rural correspondentes á convocatoria de 2022, concedidas a 353 mozos, a 485 persoas para investir nas súas empresas agrarias e a 166 titulares de pequenas explotacións
 

Con estas achegas procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego no sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural
 

A convocatoria deste ano 2023 permanece aberta, a cal está dotada cun orzamento de 38,8 millóns de euros, dos cales 20,5 millóns son para a liña de plans de mellora, outros 16,5 millóns para a de mozos e 1,9 millóns para o desenvolvemento de pequenas explotacións
 

Santa Comba (A Coruña), 4 de febreiro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou hoxe a Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Samperez, situada no concello coruñés de Santa Comba, acompañado pola alcaldesa da localidade, María Josefa Pose. Alí, puxo en valor as axudas resoltas recentemente para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións correspondentes á convocatoria de 2022. Así, aprobáronse un total de 1.004 expedientes, o que supuxo unha achega de 37,5 millóns de euros.

A resolución destas achegas publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) e cómpre lembrar que a convocatoria deste ano permanece aberta para todos aqueles interesados. O orzamento destas axudas para o 2023 elévase ata os 38,8 millóns de euros, dos cales 20,5 millóns son para a liña coñecida como plans de mellora, outros 16,5 millóns para a de incorporación de mozos e 1,9 millóns para o desenvolvemento de pequenas explotacións.
 
Precisamente, a explotación láctea que hoxe foi obxecto de visita concedéuselle unha subvención de 20.000 euros para incorporación de mozos. Esta orde de axudas -as tres liñas- é unha das máis destacadas da Consellería, tanto polo seu importe como polo número de beneficiarios. Con elas, búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Do mesmo xeito, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego no sector agrario, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no medio rural.
 
Nesta visita a Santa Comba, o conselleiro puxo en valor estas achegas que, sinalou, “teñen un efecto moi positivo” sobre o agro galego e lembrou que “dende 2016 supuxeron unhas axudas de case 300 millóns de euros”, con especial incidencia no impulso á remuda xeracional nas explotacións da nosa comunidade.
 

Todo isto enlaza cos obxectivos da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego, que busca fomentar a xestión económica profesional das explotacións, cunha orientación empresarial. Neste senso, cabe indicar que os prezos do leite en Galicia non pararon de subir nos últimos meses, rexistrando incrementos 17 meses consecutivos. Así, en decembro de 2022 (último dato publicado) medraron preto do 65% respecto ao mesmo mes de 2021, situándose nos 58,6 cts./l. Ademais, a suba supera o 78% se comparamos o último dato publicado -de decembro de 2022- co mesmo mes de 2020.

Resolución axudas 2022

O Diario Oficial de Galicia publicou onte mesmo a resolución das axudas de incorporación de mozos, plans de mellora e pequenas explotacións relativas á convocatoria de 2022, as cales están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader).

Así, no caso dos investimentos en explotacións agrarias (máis coñecidos como plans de mellora), aprobáronse 485 solicitudes cun importe de 20 millóns de euros. Polo tanto, falamos dunha axuda media por expediente de 41.228 euros. Por sectores, unha vez máis, destaca o lácteo e o vacún de carne cun 60,6% e un 18,3% dos expedientes, respectivamente.
 

No apartado destinado aos mozos, un total de 353 incorporaranse á actividade agraria grazas a estas subvencións. Todas as solicitudes que cumpriron os requisitos foron aprobadas cunha achega media superior aos 42.000 euros por beneficiario. En total, falamos de 15 millóns de euros cos que se garante a remuda xeracional no campo. Por sectores, unha vez máis, destaca o lácteo e o vacún de carne cun 35,6% e un 30,3% dos expedientes, respectivamente.

Con respecto ás axudas específicas para pequenas explotacións, na convocatoria de 2022 beneficiaranse un total de 166 granxas cunha achega por beneficiario de 15.000 euros, sendo as mulleres as que máis solicitan este tipo de axuda. No caso desta liña, encabezan a repartición por orientación produtiva as explotacións de vacún de carne, que representan o 69,2% dos expedientes aprobados, seguidas polo vacún de leite co 11% dos expedientes. Respecto ao orzamento, a achega total ascende a 2,5 millóns de euros

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/02/2023