A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o presidente da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor renovaron esta semana a súa colaboración

Galicia acollerá a finais de febreiro o acto de entrega de bandeiras aos 104 sendeiros azuis galardoados en toda España

A Comunidade galega, cun total de 35 itinerarios distinguidos este ano, volve liderar a clasificación a nivel nacional e logra 6 galardóns máis respecto aos datos de 2022

Por primeira vez, a cerimonia de entrega de premios adiántase varios meses co fin de que todas as rutas azuis poidan lucir as súas insignias xa en Semana Santa
 

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2023.-

Galicia acollerá a finais deste mes a cerimonia de entrega de bandeiras aos 104 sendeiros azuis galardoados en 2023 pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), un recoñecemento co que busca poñer en valor o papel das sendas e camiños como recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e aprender a interpretar ambientalmente a contorna.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da Adeac, José Palacios, renovaron esta semana o convenio anual que manteñen desde hai máis dunha década co fin de colaborar na campaña Bandeira Azul en Galicia e aproveitaron para confirmar que o vindeiro 24 de febreiro se entregarán os galardóns correspondentes aos sendeiros azuis 2023 de todo o país en Santiago de Compostela.

Cómpre subliñar que o ano pasado se organizou por primeira vez en Madrid un acto específico e oficial para recoñecer a todos os sendeiros azuis premiados no país. Nesta ocasión, Adeac propuxo que a cerimonia se celebrara en Galicia, por ser a Comunidade que acumula o maior número de distintivos deste tipo desde a creación do galardón.

En concreto e segundo os datos que deu a coñecer esta mesma semana a entidade, Galicia contará en 2023 cun total de 35 itinerarios azuis localizados en 20 concellos, de xeito que volve liderar a clasificación a nivel nacional e mellora notablemente os datos acadados o ano pasado, cando recibiu 29 galardóns.

En total, na cerimonia oficial dos sendeiros azuis 2023 repartiranse 104 bandeiras a outros tantos sendeiros de 83 municipios pertencentes a unha decena de comunidades e que suman unha extensión de máis de 600 quilómetros.

En canto á comparativa a nivel nacional, por detrás de Galicia sitúase a Comunidade Valenciana, con 22 itinerarios azuis, Andalucía, na que reciben este recoñecemento 14 rutas, e Murcia, que en 2023 contará cunha decena de sendeiros con bandeira azul.

Así mesmo, entre as novidades desta edición, cómpre subliñar que a entrega dos galardóns se adianta varios meses con respecto ao habitual —finais de maio— co fin de que todas as rutas poidan lucir as súas insignias xa en Semana Santa e sirva tamén, desde xeito, como reclamo turístico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/02/2023