A Xunta convoca a cuarta edición do programa Ignicia para poñer en valor a investigación galega e impulsar a chegada do coñecemento ao mercado

A convocatoria, dotada con preto de 4 millóns de euros, prevé apoiar ao redor de oito proxectos cos que se busca axudar á creación de novas spin-offs e acordos de licenzas de comercialización da tecnoloxía xerada en Galicia

Desde a súa posta en marcha en 2016, xa se apoiaron 23 iniciativas que deron lugar a nove empresas e tres licenzas

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia ten aberto, ata o próximo 28 de febreiro, o prazo para que os investigadores galegos soliciten os apoios da convocatoria do programa Ignicia para facer realidade a transformación de anos de investigación en tecnoloxías e produtos que resolvan os retos da sociedade e poidan xerar ingresos económicos ás institucións e centros de investigación de Galicia.

 A convocatoria de Proba de Concepto é o instrumento de apoio económico do programa Ignicia, que agrupa o conxunto de accións de apoio para completar a transferencia de coñecemento, é dicir, a chegada ao mercado das investigacións galegas. Esta é a cuarta edición da convocatoria, que se publica cada dous anos desde 2016. A Vicepresidencia primeira, a través da Axencia Galega de Innovación, leva destinado preto de 13 millóns de euros a este programa, incluídos os 3,96 M€ cos que está dotada esta edición.  

Os beneficiarios poden ser grupos de investigación de calquera organismo de coñecemento con centro de traballo en Galicia, tanto públicos como privados, xa sexa en universidades, fundacións sanitarias, centros tecnolóxicos e de innovación ou do CSIC en Galicia. Os investigadores deben presentar un proxecto enfocado á comercialización dos resultados da investigación, ben pola vía de licenza, ou ben a través da creación dunha empresa tecnolóxica (spin-off), e por tanto deben contar con capacidade de xerar retornos económicos. A previsión é apoiar ao redor de oito proxectos. 

O apoio da convocatoria consiste tanto nunha achega económica como en asesoramento para garantir o éxito comercial dos proxectos. As iniciativas que xeren ingresos deberán reintegrar unha porcentaxe destes á Administración, que os reinvestirá en novos proxectos. Doutra parte, as propostas seleccionadas recibirán asesoramento por parte de expertos internacionais e da Axencia Galega de Innovación para a definición e execución do plan de transferencia e comercialización da tecnoloxía.

 Para acceder a este apoio, os proxectos deberán superar unha avaliación en dúas fases, que inclúen unha entrevista persoal ao equipo promotor, e que será levado a cabo por membros da Axencia Galega de Innovación, a Fundación Barrié e Oxentia, a división de transferencia da Universidade de Oxford, referentes mundiais na comercialización de tecnoloxía. Con todo isto, apóiase á ciencia excelente producida en Galicia cunha alta capacidade de éxito. Desde a posta en marcha en 2016, o programa apoiou 23 proxectos, dos que 12 teñen acadado o éxito comercial coa creación de nove empresas tecnolóxicas ou startups e tres licenzas. Estas startups empregan máis de 100 profesionais de alta cualificación, e teñen captado investimentos privados por valor de 5 M€.  

Talento investigador

Esta convocatoria forma parte do programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, que agrupa as actuacións que a Axencia Galega de Innovación desenvolve, en colaboración coa Fundación Barrié, dirixidas a promover a valorización e a transferencia de resultados da I+D xerada nos centros de coñecemento galegos cara ao tecido produtivo.

Así, a través de Ignicia estase a apoiar a referentes internacionais, como a doutora María José Alonso, do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), premio nacional de investigación en 2021 e que ten creado a spin-off Liberabio; o doutor José Luis Mascareñas, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), premiado con dúas axudas do programa ERC e cun proxecto en fase de licenza; ou o profesor Juan Romero, do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), premio ao mellor investigador europeo en intelixencia artificial e que ten posto en marcha a spin-off Indestia.
 
 O éxito das empresas creadas é recoñecido internacionalmente, como a selección de Ancora Mobile entre as top 50 mellores startups dixitais do Mundo do 4YFN Award 2023 (Mobile World Congress); entre as sete empresas españolas seleccionadas polo programa BridgeHead do EIT Health de Diversa Technologies ou o premio europeo ao investigador máis destacado en intelixencia artificial e computación evolutiva 2021 da Society for the Promotion of Evolutionary Computation in Europe and its Surroundings (SPECIES) para Juan José Romero, co-fundador de Artificial Intelligence Indestia. 

O programa enmárcase na aposta do Goberno galego por seguir fortalecendo as capacidades do sistema galego de I+D+i e potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, poñendo o foco na transferencia de coñecemento.

 

Data de actualización: 04/02/2023