A Xunta pon en valor o proxecto Biomais CO2 centrado na redución das emisións de carbono na industria forestal

O proxecto nace da colaboración da empresa Enxeñería Forestal Asefor, a Universidade de Santiago de Compostela, a asociación Bioeco2 e o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, que conforman o grupo operativo que recibiu algo máis de 135 mil euros de achega
 

Presenta un enfoque innovador na produción forestal e pretende conectar ferramentas dixitais no marco da silvicultura, a calidade da madeira ou a xestión sostible
 

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2023 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, coñeceu esta semana o proxecto Biomais CO2, financiado cunha axuda da convocatoria de 2022 a grupos operativos de 135.000 euros. O grupo que leva a cabo este proxecto está formado pola empresa Enxeñería Forestal Asefor, a Universidade de Santiago de Compostela, a asociación Bioeco2 e o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia.

Segundo o director, este novo proxecto representa un enfoque innovador na produción forestal e pretende conectar ferramentas dixitais, actualmente existentes, en canto a modelos de crecemento, no marco da silvicultura, a calidade da madeira ou a xestión sostible, para desenvolver unha solución integrada que aporte información en canto á contabilidade de emisións e absorcións no sector do uso da terra, cambios no uso e a silvicultura. Así, busca realizar unha aplicación práctica integrada que abarque a todos os sectores implicados de interese, incluídos aqueles responsables da compensación de emisións, na posta en valor dos mesmos.
 
Ademais, enmárcase dentro de tres áreas prioritarias: os sistemas agrarios de produción, a aplicación das tecnoloxías da información e da comunicación ao sector e outras actividades relacionadas coa produtividade, sustentabilidade e innovación agrícola e forestal.
 
Tal e como destacou José Luis Cabarcos,  o obxectivo deste proxecto é introducir modelos ambientais nos procesos de xestión de montes e produción de madeira, acreditando a redución de emisións de CO2, estimando a pegada de carbono, permitindo a xeración e venda de créditos de carbono e incrementando o valor económico dos montes. Para conseguilo, Biomais CO2 propón un método de xestión de redución de emisións de carbono a través da xestión forestal sustentable e cunha silvicultura orientada á produción de madeira concreta para un destino de longa duración.
Ademais, incentivarán a propietarios e xestores forestais a desenvolver actividades en materia de almacenamento de carbono e xestión forestal sustentable, á vez que dinamizarán a importancia desta sustentabilidade como ferramenta contra o cambio climático. Por último, promoverán prácticas de extracción de madeira respectuosas co medio ambiente.
 

Grupos operativos

Na última convocatoria do ano 2022 beneficiáronse destas axudas 25 grupos operativos cun total de 4,3 millóns de euros. O obxectivo principal destas subvencións é fomentar a innovación no medio rural, en áreas prioritarias de actuación tales como a xestión sustentable dos recursos naturais, sistemas agrarios de produción, cadea agroalimentaria, bioeconomía ou aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao sector.

Os grupos operativos -que deberán estar formados polo menos por dous membros- buscan poñer en marcha iniciativas innovadoras en materia de sustentabilidade agrícolas que representen un avance significativo fronte ás tecnoloxías utilizadas nunha área xeográfica, sector produtivo ou campo específico nos ámbitos agrícola, gandeiro, forestal ou da industria agroalimentaria.
 
Estas achegas repercuten positivamente sobre a aplicación efectiva da innovación dentro do sector agrogandeiro e forestal galego, coa conseguinte mellora para a sociedade no seu conxunto. Todo isto, tendo en conta que a transferencia de I+D+i ao sector primario beneficia tanto aos diferentes elos da súa cadea de valor como aos consumidores en xeral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/02/2023