A Xunta traslada ás empresas a “oportunidade” que o programa ‘Retorna Cualifica Emprego’ lles ofrece para atender vacantes de difícil cobertura

A directora xeral de Formación para o Emprego e Colocación, Zeltia Lado, mantivo hoxe unha xuntanza coas catro confederacións provinciais de empresarios para presentar este programa da ‘Estratexia Galicia Retorna 2023-26’

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2023

A directora xeral de Formación para o Emprego e Colocación, Zeltia Lado, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes das confederacións provinciais de empresarios da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, para brindarlles a oportunidade de implicarse no programa Retorna Cualifica Emprego co que a Xunta de Galicia quere favorecer o retorno de 400 galegas e galegos a Galicia cun contrato de traballo.

Lado animou aos representantes empresariais a participar nesta iniciativa que permitirá atender a demanda de profesionais que precisan determinados sectores -nos casos nos que non se estea a cubrir coas persoas residentes en Galicia- e poder ofrecer eses postos a galegas e galegos retornados que desexen desenvolver o seu proxecto vital en Galicia.   

As persoas beneficiarias do Retorna Cualifica Emprego, que promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, contarán cun plan personalizado de cualificación e empregabilidade así como de recursos de formación e a formalización do correspondente contrato de traballo de carácter indefinido.

A Xunta de Galicia prevé destinar a este programa cerca de 4 millóns de euros en 2023 e está a demandar a implicación de clústeres, agrupacións empresariais e outras entidades “para establecer fórmulas de colaboración para a divulgación e comunicación dos obxectivos do programa coa finalidade de que as empresas coñezan a posibilidade de que as ofertas de emprego que non se cobren por falta de candidaturas no Servizo de Emprego de Galicia, poidan ser cubertas a través de persoas galegas residentes no exterior”, indicou Lado na xuntanza.  

O programa Retorna Cualifica Emprego forma parte da nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26 (ERG2026), que se marca como obxectivo facilitar o regreso á súa terra de 30.000 galegos do exterior nos vindeiros catro exercicios. Das catro áreas nas que incide a Estratexia, a laboral é a que aglutina unha maior cantidade de medidas (37), seguida da educativa (30), a social (25) e a de asesoramento, seguimento, coordinación e control (8).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2023