O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, interveu hoxe no Parlamento de Galicia

A Xunta integrará os servizos de taxi na cadea de transporte público autonómico co obxectivo de favorecer desprazamentos útiles e eficientes no rural

Ignacio Maestro sinala que en concellos rurais, como Folgoso do Courel, a alternativa do taxi complementa o servizo do autobús para facilitar a mobilidade dos veciños

Esta medida inclúese na Estratexia de Mobilidade de Galicia presentada esta mesma semana e que ten como obxectivo responder ás necesidades de persoas e mercadorías de xeito máis eficaz, sostible, económico e seguro

Indica que as axudas concedidas pola Xunta en 2022 posibilitaron a adquisición dun taxi adaptado en Folgoso do Courel

Ignacio Maestro avanza a activación este ano da Área de Transporte de Galicia, na que 119 concellos rurais, entre eles Folgoso do Courel, se van integrar de xeito automático, sen achegar un só euro

Explica que a Xunta asumirá as bonificacións, equiparables ás do transporte metropolitano, cun desconto de 50 céntimos no billete e os transbordos gratis

Salienta que o Goberno galego segue apostando por un transporte público de calidade mediante un orzamento que este ano se incrementa ata acadar máis de 90 M€
 

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2023.-

A Xunta vai potenciar a integración dos servizos de taxi na cadea de transporte público autonómico co obxectivo de favorecer desprazamentos útiles e eficientes no rural.

 

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento, onde explicou que esta medida está recollida na Estratexia de Mobilidade de Galicia, presentada esta mesma semana e cuxo obxectivo é responder ás necesidades das persoas e das mercadorías de xeito máis eficaz, sostible, económico e seguro.

 

Puxo como exemplo o Concello de Folgoso do Courel, que grazas ao Plan de Transporte Público de Galicia impulsado pola Xunta, dispón agora de servizos de autobús regulares, dos que antes carecía.

 

Destacou a importancia de proporcionar no rural, en municipios como o de Folgoso de Courel, outras alternativas complementarias ao autobús como o taxi, para facilitar a mobilidade dos veciños.

 

Neste sentido, lembrou que os últimos incentivos concedidos pola Xunta no ano 2022 posibilitaron a adquisición en Folgoso do Courel dun taxi adaptado, un servizo co que non contaba ata o de agora.

 

Apuntou que esta alternativa do taxi é eficiente en zonas como Folgoso so Courel, con pouca poboación e dispersa, cunha orografía complexa e cunhas condicións climáticas adversas no inverno.

 

Área de Transporte de Galicia

Ignacio Maestro concretou, ademais, que a Xunta, na liña de continuar mellorando o transporte público, porá en marcha este ano a Área de Transporte de Galicia, unha medida que tamén beneficia especialmente ao rural.

 

Detallou que Folgoso do Courel vai ser nos próximos meses un dos 119 concellos rurais de reducida poboación que se van integrar de xeito automático, sen ter que achegar un só euro nin facer ningún trámite burocrático.

 

Explicou que o Goberno galego asumirá nestes casos todas as bonificacións dos veciños, que serán equiparables ás do transporte metropolitano, cun desconto de 50 céntimos no prezo dos billetes e a gratuidade dos transbordos.

 

Oferta de transporte multiplicada

Ignacio Maestro puxo en valor o Plan de Transporte Público de Galicia, co que a Xunta multiplicou a oferta en todo o territorio, dun xeito eficiente e con novas modalidades como o transporte compartido e baixo demanda.

 

Remarcou que Galicia conta  agora cunha rede de autobús interurbano que ofrece máis e mellores conexións, pasando de 927 a 3.500 liñas; de 20.500 a 55.000 paradas e de 1,48 millóns de servizos ao ano a 2,35 millóns.

 

Subliñou que a Xunta segue avanzando na aposta por un transporte público de calidade para todos os cidadáns, cun orzamento que este ano se incrementa ata acadar máis de 90 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2023