Xunta e Xoves Empresarios de Bergantiños asinan o protocolo de adhesión para conectar demanda e oferta de traballo e dar resposta ás vacantes

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o presidente da Asociación de Xoves Empresarios de Bergantiños (Axober), Isidro Varela, comprometéronse a traballar da man para casar oferta e demanda laboral

O acordo permitirá achegar as ofertas ás oficinas galegas de emprego e mellorar o seu papel intermediador

Puxo en valor a actividade que se está a desenvolver na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego
 

Carballo (A Coruña), 2 de febreiro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe co presidente da Asociación de Xoves Empresarios de Bergantiños (Axober), Isidro Varela, o protocolo de adhesión ao sistema de difusión de ofertas de emprego do Servizo de Emprego de Galicia. Deste xeito, a Xunta e a entidade empresarial comprométense a traballar da man para dar resposta ás vacantes do mercado de traballo, casando oferta con demanda.

En palabras de Lorenzana, trátase de xeito efectivo de conectar a oferta de postos coa demanda para favorecer que o tecido empresarial atope as persoas coas competencias máis axustadas ás súas necesidades, e de que as persoas demandantes de emprego accedan a un posto de traballo adecuado ao seu perfil profesional.

O protocolo asinado hoxe en Carballo permitirá, por unha banda, achegar ofertas de traballo ao Servizo de Emprego de Galicia por parte de Axober e dos seus afiliados e, por outra, potenciar o papel de  intermediación laboral das oficinas de emprego.

Lorenzana lembrou que a Xunta ten en marcha políticas eficaces para mellorar a formación para o emprego da poboación galega e incentivar a súa contratación e o emprendemento.  Neste senso, está en marcha a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego que supón un impulso pioneiro na cualificación das galegas e galegos. É un gran pacto polas capacidades das persoas traballadoras a través da colaboración público-privada na creación dunha contorna de aprendizaxe permanente, na que actualizar as competencias profesionais das persoas traballadoras en función das novas tendencias e necesidades do mercado laboral.

Ademais do impulso das capacidades das galegas e galegos, estase tamén a traballar na mellora da colocación, a través do sistema de orientación laboral ao que se está incorporando o novo persoal, 136 novas traballadoras e traballadores na rede de oficinas de emprego de Galicia. Na provincia da Coruña, incorporaranse preto de medio cento de orientadoras e orientadores dos que tres prestarán servizo na oficina de Carballo.

Polos de emprendemento

Así mesmo, a Xunta está a despregar por toda a xeografía galega a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, centros de referencia onde se localizan as actividades onde hai oportunidades de negocio na contorna, ao tempo que se apoia o proceso de posta en marcha da idea empresarial, de principio a fin.  

O de Coristanco, que foi o primeiro en operar na provincia da Coruña, está a prestar servizo e apoio desde o pasado ano aos 29 concellos que conforman as comarcas da Barcala, Barbanza, Bergantiños, Fisterra, Muros, Noia, Terra de Soneira e Xallas.  

Cos polos, Lorenzana insistiu en que a Xunta de Galicia ofrece unha rede unificada e coordinada, conformada por titores que acompañan desde o comezo e durante cada etapa ás persoas que inician a súa andaina empresarial, para que sexan quen de emprender en condicións de seguridade e para garantir que os seus negocios medren e se consoliden no tempo.

 A titular de Promoción do Emprego, para rematar, destacou a colaboración da Administración galega con Axober, unha entidade sen ánimo de lucro que foi fundada en 1992 por un grupo de empresarios da comarca para servir de nexo de unión entre as empresas locais. Case 200 empresas forman parte deste proxecto que contribúe, en gran medida, ao desenvolvemento do tecido empresarial na comarca de Bergantiños.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2023