A Xunta divulga entre o empresariado lugués o programa ‘Responsabilízate’ que promove a sustentabilidade e o compromiso coas contornas

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, e o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, presentaron na Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) este programa que impulsa a Responsabilidade Social Empresarial

Lugo, 2 de febreiro de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, participaron hoxe nunha xornada de presentación ante a Confederación de Empresarios de Lugo do programa autonómico Responsabilízate, que promove a implantación de medidas de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) entre o tecido produtivo galego como clave para mellorar a súa competitividade. 

Responsabilízate axuda a asesorar de xeito persoalizado ás pequenas e medianas empresas galegas , para que activen medidas en favor do desenvolvemento sustentable, fomentando modelos de negocio que integren as variables económicas, ambientais e sociais e de bo goberno para continuar construíndo xuntos unha Galicia máis competitiva.

“É fundamental neste marco que as empresas melloren as súas medidas de conciliación e apliquen criterios organizativos que permitan un axuste de horarios competitivo e á vez responsable”, especificou a directora xeral, ao tempo que engadiu que con estas medidas, redúcense os riscos psicosociais e o absentismo e se mellora o clima laboral.

Mancha defendeu tamén o exercicio da responsabilidade social coa contorna próxima e avogou polo compromiso das empresas coa sociedade e a transparencia na gobernanza.

No acto expuxeron as súas boas prácticas empresas como Pescados Rubén, do sector da pesca, e Garmir, que centra a súa actividade na limpeza industrial.

No marco do programa a Xunta de Galicia aporta ferramentas para que as empresas saquen partido ao seu traballo en favor da sustentabilidade. Entre outros recursos, destacou Elena Mancha, atópanse unha web específica, a celebración de xornadas como a de hoxe -onde as empresas comparten as súas boas prácticas- ou a creación dunha comunidade en liña coa finalidade de reforzar as alianzas entre os participantes e estender os efectos do programa máis aló do período de execución.

En Responsabilízate toman parte na actualidade un total de 150 firmas de toda Galicia. “Atopámonos nun momento clave na transformación cara a modelos económicos sustentables no que cobra especial relevancia tanto a implementación de plans de acción como a comunicación dos obxectivos e compromisos asumidos para situarse nun mercado cada vez máis demandante e competitivo”, dixo a directora xeral. As firmas que completen todo o programa recibirán o Selo de Empresa Responsabilízate, un recoñecemento autonómico pola seu bo labor.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2023