Un total de 40 entidades recibirán axudas da Xunta por importe de 3,25 M€ para asesorar as explotacións agrícolas e gandeiras de Galicia

O DOG publica hoxe a última resolución destas achegas da Consellería do Medio Rural, que teñen como obxectivo axudar ás explotacións a que melloren os seus resultados económicos, ambientais e a súa capacidade de adaptación ao cambio climático

Así, poderase subvencionar o asesoramento básico, o específico para a xestión da aplicación Contaláctea -implementada pola Xunta- ou o plan de xestión ambiental e loita contra o cambio climático do sistema integral de xestión de explotacións

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas da Consellería do Medio Rural de 2022 para o asesoramento a persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras, no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020. Así, un total de 40 entidades galegas recibirán unha achega de 3,25 millóns de euros para axudar ás explotacións a que melloren os seus resultados económicos, ambientais e a súa capacidade de adaptación ao cambio climático.

Así, os beneficiarios destas subvencións -que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader)- son entidades privadas inscritas no Rexistro de entidades con servizos de asesoramento ou xestión de Galicia e que dan servizo a titulares de explotacións inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia. Son subvencionables os custos en concepto de honorarios orixinados polos servizos prestados, entre os que se poden incluír os custos de persoal, viaxes, material e gastos de funcionamento.

Nesta liña, as entidades que prestan estes servizos poderán recibir un importe entre os 800 e os 1.000 euros, en función da modalidade de asesoramento. Así, a través destas axudas da Xunta poderase financiar o asesoramento básico, o específico para a xestión da aplicación Contaláctea -implementada pola Xunta- ou o plan de xestión ambiental e loita contra o cambio climático do sistema integral de xestión de explotacións.

Data de actualización: 02/02/2023