Miranda anuncia a publicación mañá da nova convocatoria das bolsas BEME Máster durante o encontro cos bolseiros do presente curso do campus de Santiago

O secretario xeral da Emigración analizou cos galegos universitarios do exterior que están a realizar un máster na USC grazas a bolsa de Excelencia Mocidade Exterior a experiencia que están a vivir en Galicia

Santiago de Compostela, 01 de febreiro de 2023 O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo esta mañá, no auditorio do Museo das Peregrinacións, un encontro cos bolseiros BEME que están a cursar un mestrado na USC. Á reunión asistiron alumnos dos mestrados que imparte a universidade compostelá, que son galegos retornados do exterior ou descendentes de galegos, e que obtiveron en 2022 unha destas axudas de excelencia que outorga a Secretaría Xeral da Emigración para poder ampliar estudos superiores.

Durante o encontro, o secretario xeral anunciou a publicación mañá, xoves 2 de febreiro da nova convocatoria destas bolsas para o próximo curso 2023/24 no Diario Oficial de Galicia.

Pola súa banda, os alumnos BEME trasladáronlle ao secretario xeral as súas impresións sobre os cursos que están a levar a cabo, as problemáticas ás que se enfrontaron ao chegar a Galicia ou as súas inquedanzas por poñer en marcha un negocio ou buscar un emprego para poder quedarse a vivir na nosa comunidade autónoma.

O Goberno galego destinará a esta nova convocatoria 2,3 millóns de euros impulsando a captación dun total de 250 titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

Os beneficiarios destas bolsas de excelencia son galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, e deben acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar admitido na prescrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, cunhas axudas que van entre os 7.500 e os 12.000 euros, dependendo do número de créditos que se cursen e do continente de procedencia. Este ano, e para paliar a situación da inflación actual, as becas aumentarán de media uns 500 euros con respecto ao pasado curso.

O obxectivo das BEME é non so atraer cada ano galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada senón que traballen en Galicia e que fixen tamén no territorio galego definitivamente a súa residencia.

Neste sentido, todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/02/2023