A Xunta avalía cos colexios de avogados, graduados sociais e procuradores os espazos asignados a estes organismos na Cidade da Xustiza

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, mantivo hoxe unha reunión con representantes na cidade destes colexios profesionais e anunciou que se segue a cumprir o calendario previsto para ter rematado o traslado en abril

Só están pendentes de trasladarse ao novo edificio nos próximos meses os xulgados de Instrución, o xulgado de Violencia sobre a Muller e os servizos comúns

Vigo, 31 de xaneiro de 2023 O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, mantivo hoxe un encontro de traballo xunto con representantes dos colexios profesionais de avogados, graduados sociais e procuradores en Vigo sobre os espazos que lle corresponden a estes organismos no edificio anexo da Cidade da Xustiza de Vigo. Xa se trasladou ao novo edificio o Colexio de Procuradores e no próximo mes de febreiro farano o Colexio Oficial de Graduados Sociais e o Colexio de Avogados.  

 

De feito, no marco do calendario acordado coas autoridades xudiciais e fiscais, e pasado o ecuador do proceso, só quedan pendentes de traslado nos próximos meses os xulgados de Instrución, o xulgado de Violencia sobre a Muller e os servizos comúns coa previsión ter rematados os traballos en abril. Ademais, unha vez trasladado o Servizo Común de Notificacións e Embargos, o espazo que deixe baleiro na rúa San Sebastián será para o Rexistro Civil.

 

Cómpre lembrar que mesmo se adiantou o traslado dos xulgados do edificio de La Gota de Leche- o nº15 de Primeira Instancia e o nº7 do Social-, ao mesmo tempo que se dotou a todas as salas do equipamento tecnolóxico necesario.

 

Na reunión de hoxe co director xeral de Xustiza estiveron presentes a decana do Colexio da Avogacía de Vigo, Lourdes Carballo; o decano do Colexio de Procuradores de Vigo, José Antonio Fandiño, e o presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra, Raúl Eugenio Gómez, así como o xuíz decano, Germán Serrano para avaliar os espazos asignados e os prazos para amoblalos. O próximo encontro levarase a cabo nas próximas semanas xa na Cidade da Xustiza para comprobar as medidas implantadas. 

 

Investimento de 42 millóns

A nova infraestrutura, que acollerá 38 unidades xudiciais, é a obra xudicial máis importante da historia da comunidade na que a Xunta investiu máis de 42 millóns de euros e coa que se culmina o Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con máis de 127 millóns.

A Cidade da Xustiza unificará nun só edificio os órganos xudiciais da cidade, ao acoller nos seus 44.000 metros cadrados as unidades xudiciais xunto coa Fiscalía de Área, as 2 seccións da Audiencia Provincial e a subdirección do Instituto de Medicina Legal (Imelga).

En total, trasladaranse máis de 500 traballadores da Administración de Xustiza, que terán á súa disposición unha escola infantil de 41 prazas para facilitar a súa conciliación laboral e familiar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2023