A Xunta e a asociación de criadores de porco celta fomentan a investigación xenética para impulsar esta raza autóctona

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou hoxe unha explotación de Xove (Lugo) que participa nunha acción de cooperación con esta finalidade

O obxectivo da iniciativa é favorecer a consolidación desta raza de cara á recuperación de terras en desuso, a produción sostible e respectuosa co medio e a economía circular

Xove (Lugo), 31 de xaneiro de 2023 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado polo alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, visitou hoxe as instalacións da explotación porcina Casa Labradela, no marco dun proxecto de investigación en materia xenética da raza porco celta no que participa a Xunta.

 

Esta iniciativa sitúase, en concreto, ao abeiro dunha acción de cooperación impulsada dende esta Axencia na que participan o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, o Centro Tecnolóxico da Carne e a asociación de criadores Asoporcel, co fin de favorecer a consolidación desta raza de cara á recuperación de terras en desuso, a produción sostible e respectuosa co medio e a economía circular. Todo isto, sen esquecer o importante labor destas gandarías na prevención dos incendios forestais.

 

A participación na iniciativa das explotacións produtoras de porco celta e colaboradoras de Asoporcel céntrase actualmente en tarefas de recollida de datos tales como pesos ou nacementos. O obxectivo é establecer o punto de partida para o deseño dun procedemento de avaliación xenética de individuos da raza co que comezar un programa de aumento da poboación e a definición de liñas xenéticas reprodutivas e multiplicativas.

 
Casa Labradela é unha granxa situada no lugar homónimo, na parroquia da Rigueira do concello lugués de Xove. Dende hai un ano produce porco celta e conta con instalacións de recente construción, cun censo de 15 reprodutores e doutros 150 animais que manexa en réxime extensivo nunha parcela de case oito hectáreas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2023