A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe as instalacións

A Xunta destina 200.000 € ao concello da Lama para a creación de 26 prazas de atención residencial e diúrna

Este novo centro ofrecerá seis prazas de atención residencial e 20 de centro de día para que as persoas maiores desta localidade conten con servizos ao carón dos seus fogares

A Lama (Pontevedra), 30 de xaneiro de 2023 A Xunta destinou 200.000 euros ao Concello da Lama para a creación de 26 prazas de atención residencial e diúrna. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe as novas instalacións, onde sinalou que mediante a creación deste novo servizo os veciños desta localidade poderán estar ben atendidos e coidados ao tempo que seguen vivindo no seu lugar de sempre.

 

O Goberno galego asinou no ano 2020 un convenio de colaboración co Concello da Lama para a construción deste centro que contará con seis prazas de atención residencial e 20 de centro de día. Deste xeito, mellórase a oferta de atención para darlle as persoas maiores a oportunidade de decidir onde e como vivir esta etapa das súas vidas.

 
Fabiola García lembrou que a Xunta aposta por aqueles servizos de proximidade que inciden nesta capacidade de decisión das persoas maiores como o Servizo de Axuda no Fogar, que leva coidados profesionais a 27.000 fogares galegos; o programa Coidados porta a porta, que ofrece servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria; o programa Xantar na casa, que facilita menús semanais, san e equilibrados a persoas maiores que viven soas; ou as 100 casas do maior que existen por toda a Comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2023