Sogama mantén o canon de 2022 e aplica unha bonificación do 15% aos concellos que leven a cabo unha xestión máis sostible dos seus residuos

A bonificación aplicarase a aqueles municipios que promovan a redución da produción de lixo e/ou incrementen a reciclaxe dos envases lixeiros; trasladen esa rebaixa aos recibos dos veciños, e implanten a recollida separada da materia orgánica a través do quinto contedor antes do próximo 31 de decembro

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2023

Sogama mantén o canon de 2022 aplica unha bonificación do 15% aos concellos que leven a cabo unha xestión sostible dos seus residuos, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

 

Deste xeito, o importe do canon para os 295 concellos adscritos a este modelo de xestión mantense en 66 euros/tonelada de bolsa negra -fracción resto recollida a través do contedor xenérico- grazas a que Sogama non aplica este ano o IPC correspondente.

 

Ademais, Sogama aplicará unha bonificación do 15% a aqueles concellos que cumpran os seguintes requisitos: promover a redución da produción de lixo e/ou incrementar a reciclaxe dos envases lixeiros; trasladar esta rebaixa aos recibos dos veciños, e implantar a recollida separada da materia orgánica a través do quinto contedor antes do próximo 31 de decembro. No caso dos municipios con poboación inferior a 2.000 habitantes, será suficiente que acrediten a instauración dun programa de compostaxe domiciliario e/ou comunitario.

 

De cumprir estas condicións, o canon veríase reducido en 10 euros, baixando dos 66 euros aos 56,10 euros.

 

Para beneficiarse desta bonificación, os concellos interesados teñen de prazo ata o próximo 1 de marzo para pedir a súa aplicación neste ano en curso, co compromiso de cumprir os requisitos inherentes á rebaixa.

 

Estes criterios están inspirados nas liñas básicas que deben rexer a xestión sostible dos residuos, na que cobra especial relevancia a prevención, a reutilización e a reciclaxe, ao tempo que se recoñece o esforzo dos concellos e cidadáns que fan posible unha maior recuperación dos residuos para garantir a súa transformación en recursos, sen esquecer a normativa europea, que fixou o 31 de decembro de 2023 como data límite para a incorporación do contedor marrón ás rúas, perfectamente compatible coa compostaxe doméstica e/ou comunitaria.

 

No caso da planta de compostaxe industrial de Sogama en Cerceda, o canon tamén se manterá na mesma contía que en 2022, é dicir, en 48,30 euros/tonelada de materia orgánica entregada nesta instalación.

Data de actualización: 30/01/2023