A Xunta mostra o seu traballo en materia de mobilización de terras a unha delegación da Comisión Europea

Xunto con técnicos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a delegación europea visitou esta semana a aldea modelo de Penedo, no concello ourensán de Boborás

Este grupo de 20 expertos de toda Europa traballará, neste primeiro semestre de 2023, para identificar e analizar enfoques e iniciativas coas que reducir o abandono de terras agrarias, así como recuperar aquelas xa abandonadas

A Consellería do Medio Rural destina neste 2023 un total de 5,9 millóns de euros para o desenvolvemento de instrumentos de recuperación da terra agraria, un 11% máis ca en 2022
 

Boborás (Ourense), 29 de xaneiro de 2023.-

Técnicos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural visitaron esta semana a aldea modelo de Penedo, no concello ourensán de Boborás, acompañados dunha delegación da Comisión Europea. Esta visita enmárcase na Rede Europea da PAC (EU CAP Network), que organiza o Grupo Focal 'Recuperación de terras agrarias abandonadas'.

 

Así, este grupo focal está composto por un panel de 20 expertos de toda Europa que traballarán, neste primeiro semestre de 2023, para identificar e analizar enfoques e iniciativas coas que reducir o abandono de terras agrarias, así como recuperar aquelas xa abandonadas.

 

Neste senso, visitaron a aldea modelo de Penedo, en Boborás, que conta cunha superficie de 23,41 hectáreas e de 665 parcelas de 131 propietarios. A súa orientación produtiva céntrase no porco silleiro en extensivo. Desta forma, os técnicos da Axencia puideron abordar os principais retos e oportunidades que ofrecen as aldeas modelo, tanto no aspecto medioambiental como no social e económico.

 

Cómpre lembrar que as aldeas modelo son un dos principais instrumentos que recolle a Lei de recuperación da terra agraria en Galicia, xunto cos polígonos agroforestais e coas agrupacións de xestión conxunta. O seu obxectivo principal é devolver á produción terras con boa aptitude agronómica que se atopen en estado de abandono ou infrautilización. Deste xeito, impúlsase nova actividade económica agroforestal que non só fixe poboación e xere riqueza, senón que tamén reduza o risco de incendios forestais e mellore a calidade de vida dos veciños destes núcleos.

 

Precisamente, no tempo de vixencia desta norma estanse a mobilizar máis de 9.300 hectáreas en toda Galicia, das que 8.788 ha corresponden a 21 polígonos agroforestais e 574 ha a outras 21 aldeas modelo. Ademais, cabe destacar que a Consellería do Medio Rural destina neste 2023 un total de 5,9 millóns de euros para o desenvolvemento de instrumentos de recuperación da terra agraria, un 11% máis ca en 2022. Deste montante, uns 4,4 millóns serán para actuacións en polígonos agroforestais e aldeas modelo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/01/2023