A Xunta licita as obras de rehabilitación dos inmobles localizados na rúa Carme Curuxeiras 8 e 22-24, no concello de Ferrol, por importe de 1,6 M€

É a segunda licitación da obra, despois de que a anterior adxudicataria renunciase á súa execución como consecuencia do atraso na concesión da licencia municipal


Ademais o IGVS iniciou hoxe unha reparación de emerxencia no número 8, no que se rexistrou a caída parcial dunha medianeira
 

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023 A Xunta de Galicia licitou hoxe o contrato para a execución das obras de rehabilitación dun inmoble na rúa Carme Curuxeiras 8 e a construción dun edificio localizado nos números 22-24 da mesma rúa, no concello de Ferrol, por 1,6 millóns de euros.

 

O resultado desta actuación serán cinco vivendas e un local: 3 vivendas no número 8, e 2 vivendas e un local no inmoble dos números 22-24.

 

Esta é a segunda licitación destas obras, que xa foran adxudicadas en outubro de 2021, pero, posteriormente, a empresa adxudicataria renunciou á execución das mesmas como consecuencia do atraso na concesión da licencia municipal, que foi solicitada en febreiro de 2021 e concedida en setembro de 2022.

 

Obra de emerxencia

Por outra parte, o Instituto Galego da Vivenda e Solo iniciou hoxe mesmo unha obra de emerxencia no número 8 de Carme Curuxeiras para retirar todos os elementos que poidan supoñer calquera tipo de risco despois de que se rexistrase o desprendemento de parte dun muro medianeiro, extremo que o IGVS comunicou ao Concello para que tomasen as oportunas medidas de precaución na rúa.

 

A obra de emerxencia, iniciada hoxe mesmo, consistirá no desentullo da parcela, o apuntalamento da medianeira existente e a desmontaxe de todos os elementos que se atopen en risco de desprendemento, desmontando a medianeira entre os número 8 e 10 en todo o que supera a altura deste inmoble.

Data de actualización: 27/01/2023