Os presidentes da Xunta de Galicia, da Junta de Castela e León e do Principado de Asturias lideraron está mañá o encontro Corredor Atlántico Noroeste, no que participaron preto de 1.000 persoas do empresariado, dos portos e das plataformas loxísticas das tres comunidades, así como axentes políticos e sociais

Galicia, Asturias e Castela e León cifran en 7.900 M€ os investimentos necesarios para o Corredor Atlántico Noroeste e demandan maior compromiso do Goberno

As tres comunidades presentan a estratexia conxunta que remitirán ao Goberno de España para que a tome de base na elaboración dun Plan Director, que recolla de forma detallada e calendarizada os investimentos e actuacións necesarias

O obxectivo é dispoñer en 2040 dunha liña ferroviaria que una o noroeste peninsular a Europa e que permita convois eléctricos de mercadorías con calidade e capacidade para que os camións suban ao tren

O presidente da Xunta cualifica como “primeiro éxito” deste encontro que o Goberno central nomease, tal e como solicitaban as tres comunidades, un Comisionado para o Corredor Atlántico que actúe de interlocutor entre as administracións e entidades

Os tres territorios aspiran a triplicar o volume de mercadorías transportado por ferrocarril, a reducir a emisión de máis de 22 millóns de toneladas de CO² á atmosfera e mobilizar unha media de 6.600 empregos ao ano durante as fases de execución das obras

Galicia, Castela e León e Asturias reforzan hoxe a alianza estratéxica constituída en 2017 que permitiu corrixir o erro histórico que deixaba o noroeste peninsular fóra do trazado dos corredores europeos de transporte de mercadorías
 

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023.-

As comunidades de Galicia, Asturias e Castela e León cuantifican en 7.900 M€ os investimentos necesarios para o Corredor Atlántico Noroeste e demandan unha planificación e maior compromiso por parte do Goberno de España para o impulso desta infraestrutura estratéxica.

 

O presidente da Xunta de Galicia,  Alfonso Rueda Valenzuela, da Junta de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, e do Principado de Asturias, Adrián Barbón Rodríguez, lideraron está mañá o encontro do Corredor Atlántico Noroeste que, baixo o lema Unha estratexia conxunta para un proxecto común, congregou en Santiago de Compostela preto de 1.000 persoasdo empresariado, dos portos e das plataformas loxísticas das tres comunidades, así como axentes políticos e sociais.

 

“O noroeste da Península Ibérica non se resigna a ser periferia. Ten a determinación de estar no centro do mundo”, resaltou durante a súa intervención o presidente galego, Alfonso Rueda, quen resaltou a importancia de que as tres comunidades, con Gobernos de distintas cores políticas, estean unidas a prol dos intereses dos seus territorios. “España tamén ten futuro porque Galicia, Asturias e Castela e León teñen un futuro no que hai que compartir, no que todos temos que aportar e que debe correr polas vías do Corredor Atlántico que transitaremos unidos”, indicou.

 

No encontro, Galicia, Asturias e Castela e León presentaron a estratexia elaborada de forma coordinada para definir os obxectivos concretos e as liñas de traballo que deben guiar a modernización da rede ferroviaria de mercadorías no noroeste e incrementar así a súa competitividade territorial. “Temos que facer que a nosa posición xeográfica sexa unha posición gañadora”, indicou Rueda, quen resaltou que estas tres comunidades xa son “unha ponte natural entre Europa e América; un punto central do Arco Atlántico e están moi preto de Portugal”.

 

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta agradeceu ao Goberno central o nomeamento dun Comisionado do Executivo estatal para o Corredor Atlántico -anunciado durante o transcurso deste encontro- co obxectivo de articular actuacións vencelladas ao corredor e que actúe de interlocutor co resto de Administracións e entidades. Para Rueda trátase do “primeiro éxito” deste cumio xa que era unha das reclamacións que as tres comunidades participantes no encontro levaban tempo solicitando ao Ministerio. “Era unha das peticións deste cumio e, polo tanto, o cumio xa logrou o primeiro dos seus obxectivos”, resaltou Rueda, que fixo fincapé en que “o camiño a seguir” para avanzar pasa pola “colaboración e por non discriminar a ninguén”.

 

Estratexia

A estratexia elaborada de forma conxunta por Galicia, Asturias e Castela é León recolle as actuacións que cada comunidade autónoma identificou como prioritarias para executar na rede ferroviaria e que pasan, fundamentalmente, pola execución das infraestruturas pendentes, a electrificación de vías, o aumento de gálibos ou a redución de ramplas. As intervencións supoñen un investimento conxunto de 7.884,3 M€.

 

Agora, unha vez definidas as liñas prioritarias, serán remitidas ao Goberno de España co obxectivo de que lle sirvan de base na elaboración do Plan Director do Corredor Atlántico, que atenda as necesidades do noroeste e impulse os investimentos co apoio da Unión Europea.

 

As tres comunidades coinciden na urxencia de contar cunha folla de ruta consensuada que debe elaborar o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, recollendo, de forma detallada e calendarizada, os investimentos e actuacións necesarias. 

 

Galicia, Asturias e Castela e León consideran imprescindible aproveitar a oportunidade única do reforzo dos orzamentos da UE co fin de paliar os efectos derivados da covid-19 coa creación extraordinaria dos fondos Next Generation UE para impulsar a remodelación global da rede ferroviaria do noroeste que está incluída no trazado do Corredor Atlántico, ademais dos xa previstos recursos do mecanismo Conectar Europa, que no programa 2021-2027 está dotado con 25.800 M€ para o sector do transporte.

 

Obxectivos estratéxicos

O obxectivo final é poder dispoñer en 2040 dunha liña ferroviaria que una o noroeste peninsular a Europa e que permita convois eléctricos de mercadorías con calidade e capacidade para que os camións suban ao tren.

 

Coas infraestruturas e investimentos necesarios, Galicia, Asturias e Castela e León aspiran a triplicar o volume de mercadorías transportado por ferrocarril no horizonte do ano 2040, pasando dos 7 millóns de toneladas/ano a máis de 20 millóns de toneladas/ano.

Dese xeito, sería posible chegar a transportar a través do ferrocarril ata o 12% das mercadorías, acadando así unha porcentaxe de cota modal similar á media europea.

 

Isto suporía un importante transvase de mercadorías da estrada ao tren e suporía vantaxes ambientais, ao conseguir reducir a emisión de máis de 22 millóns de toneladas de CO² á atmosfera.

 

A infraestrutura fará, polo tanto, máis competitivo o transporte ferroviario, permitindo un aforro de custos superior aos 1.300 M€ e mobilizar unha media de 6.600 empregos ao ano, entre directos e indirectos, durante as fases de execución das obras.

 

Trátase de impulsar un transporte de futuro multimodal, que permita que un produto chegue a un determinado porto en barco, para ser transvasado a un tren que descarga nunha terminal intermodal desde a que un camión o leve ata o seu destino final.

 

Os presidentes da Xunta de Galicia, da Junta de Castela e León e do Principado de Asturias plasmaron as reivindicacións e obxectivos compartidos nunha declaración institucional de impulso ao Corredor Atlántico Noroeste que selaron ao remate do acto. 

 

Co encontro de hoxe, as tres comunidades do noroeste dan un paso máis para reforzar a alianza estratéxica constituída en 2017 e que permitiu corrixir o erro histórico que supuña deixar este territorio peninsular á marxe do trazado dos corredores europeos de transporte de mercadorías.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/01/2023