A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, respondeu hoxe a unha pregunta sobre parcelarias na Comisión 7ª do Parlamento

A Xunta prevé acadar a trintena de procesos de concentración parcelaria tanto decretados como finalizados neste primeiro semestre do ano

Desde 2020 lévanse decretado unha totalidade de 27 concentracións e rematáronse outros 24 procesos


Inés Santé dixo que se prevé levar en breve ao Consello a declaración de utilidade pública da zona de Escornabois, en Trasmiras, e asinouse o mandato para o inicio dos traballos do Estudo Previo de Iniciación para a zona de Friolfe, no Páramo


O Goberno galego conta neste 2023 cun investimento de 17 millóns de euros para traballos de reordenación de solo rústico
 

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou hoxe na Comisión 7ª do Parlamento para responder unha pregunta sobre concentracións parcelarias. Durante a súa intervención, Inés Santé lembrou que desde 2020 se levan decretado 27 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan un total de 22.589 hectáreas e 107.317 parcelas de 15.387 titulares. O obxectivo, sinalou, é acadar a trintena de procesos -decretados e finalizados- neste primeiro semestre do ano.

 

En canto ás zonas decretadas, Santé comentou que se ten previsto elevar en breve ao Consello da Xunta a declaración de utilidade pública da zona de Escornabois (Trasmiras-Ourense) cunha superficie de 293 hectáreas. Neste senso, recentemente asinouse o mandato para o inicio dos traballos do Estudo Previo de Iniciación para a zona de Friolfe (O Páramo-Lugo) cun perímetro de 935 hectáreas repartidas en 2.116 parcelas pertencentes a 199 propietarios.

 

A directora xeral incidiu en que as 27 novas concentracións parcelarias decretáronse ao tempo que se continuaron cos traballos nas zonas en desenvolvemento e que se iniciaron con anterioridade á entrada en vigor da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia.

 

Procesos rematados

En canto aos procesos finalizados, desde o ano 2020 e o que vai de 2023 levouse a cabo a entrega dos títulos de propiedade de 24 zonas de concentración parcelaria, que supoñen unha superficie total de 17.400 hectáreas ordenadas 25.500 predios de substitución atribuídos a un total de 11.300 propietarios. Por outro lado, prevese que nos próximos meses se faga a entrega de títulos dun total de seis zonas cunha superficie total de arredor de 3.000 hectáreas. Inés Santé tamén destacou que desde que se comezou coa concentración en Galicia, actuouse en máis de 1.000 zonas que abranguen unha superficie de máis de 500.000 hectáreas, beneficiando case medio millón de propietarios.

 

Cabe sinalar que o Goberno de Galicia conta neste 2023 cun investimento de 17 millóns de euros para os traballos de reordenación parcelaria do solo rústico. Ademais, dende o ano 2009 a Xunta leva invertidos un total de 118 millóns de euros para avanzar nesta materia.

 

Ademais, Inés Santé dixo que se seguirá a impulsar estes procesos da man da nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que vén complementar e desenvolver o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia. Na nova lei apóstase por mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo, cos que estamos actuando na actualidade en máis de 9.300 ha.

Data de actualización: 27/01/2023