A Xunta Electoral proclama as candidaturas definitivas da renovación de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario galego

Na páxina web da Consellería do Medio Rural pódese consultar a resolución pola que se proclaman as candidaturas definitivas para a renovación dos seus órganos de Goberno

Os outros 11 entes consellos reguladores teñen prorrogado o seu mandato
 

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023.-

Na páxina web da Consellería do Medio Rural pódese consultar a resolución pola que se proclaman as candidaturas definitivas no proceso para a renovación dos órganos de goberno dun total de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario galego. Mentres, de acordo coa orde de Medio Rural pola que se convocou o proceso, os órganos dos outros 11 entes quedan prorrogados, dado o seu escaso número de inscritos (pouco máis do 2% do total de operadores en réximes de calidade) e o seu baixo volume de actividade (inferior ao 0,5% do total das producións con selo), o que dificulta a formación de candidaturas.

Así as cousas, a proclamación das candidaturas definitivas para a renovación dos órganos de goberno dos consellos reguladores afecta aos consellos reguladores das denominacións de orixe protexidas (DOP) vitivinícolas Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras; ao Consello Regulador das Indicacións Xeográficas (IX) das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia; aos consellos reguladores das DOP dos queixos de Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla e San Simón da Costa; dos consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Pataca de Galicia, Mel de Galicia, Pan de Cea e Castaña de Galicia; do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia e ao Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia. Pola súa parte, os consellos reguladores que teñen o seu mandato prorrogado son os das DOP Cebreiro e Pemento de Herbón e os das IXP Lacón Gallego, Faba de Lourenzá, Grelos de Galicia, Tarta de Santiago, Pemento do Couto, Pemento da Arnoia, Pemento de Oímbra, Pemento de Mougán e Pan Galego.

 

Logo desta proclamación, se a totalidade das correspondentes a un censo ou subcenso chegan a un acordo na repartición das vogalías, darase por concluído o proceso electoral para ese censo ou subcenso e a Xunta Electoral proclamará como vogais os candidatos propostos. O dito acordo deberá presentarse ante a Xunta Electoral a máis tardar o 2 de febreiro e virá subscrito polos representantes de cada candidatura.

 

Ao respecto da campaña electoral, arrancará o 3 de febreiro e finalizará o día 17 dese mes, para dar paso ás votacións o 19. O 21 de febreiro proclamaranse os vogais electos pola Xunta Electoral e, tras a presentación e resolución dos pertinentes recursos -se os houbese- a toma de posesión producirase entre os días 27 de febreiro e 10 de marzo de 2023.

 
Ligazón á web de Medio Rural:
Data de actualización: 27/01/2023