A Xunta destina case 10 M€ en axudas para accións silvícolas nos montes galegos

Hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se convocan estas achegas para o ano 2023
 

Estas subvencións van orientadas á prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais


Poden ser beneficiarias destas achegas as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos forestais e maioritariamente corresponden a comunidades de montes veciñais en man común
 

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se convocan as axudas para accións silvícolas nos montes galegos para o ano 2023. Estas achegas están dotadas dun orzamento bianualizado total de 9.487.999 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

 

Ademais, cabe sinalar que a Xunta aprobou no período comprendido entre 2016 e 2022 axudas para accións silvícolas nos montes galegos por un importe total de 77,4 millóns de euros, que permitiron actuar en 42.307 hectáreas. O número de expedientes aprobados en conxunto ascendeu aos 3.028.

 

Estas subvencións van orientadas á prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais. Para acadar estes obxectivos, establécense dúas liñas de axuda. Por un lado, achegas para a prevención, que contemplan rareos, rozas e podas en masas de coníferas, así como accións preventivas dos danos causados nestas mesmas masas por enfermidades fúnxicas defoliadoras. Tamén se inclúen rozas en masas de piñeiro que conten con instrumentos de ordenación ou xestión forestal.

 

A bianualización do orzamento asegura unha necesaria continuidade na actividade das empresas do sector forestal. Cabe lembrar que, segundo os datos da Asociación de Empresas Forestais de Galicia (Asemfo), a execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas supón a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo, polo que esta concesión de axudas públicas reforza o compromiso da Consellería do Medio Rural coas políticas de emprego activo no sector forestal galego.

 

Por outra banda, as axudas son tamén para realizar tratamentos silvícolas (rareos, desmestas, podas, cortas de formación, rozas e outros), así como plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo. Nesta liña contémplanse tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras, incluíndo a roza, a formación de guías e/ou poda, así como a selección de abrochos e os rareos. Tamén se apoia a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros.

 

Beneficiarias

Poden ser beneficiarias destas achegas as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda. Estas son maioritariamente comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas ou Sociedades de fomento forestal (Sofor).

 

Tamén son beneficiarios das axudas propietarios particulares de xeito individual. No que respecta ás accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, tamén poderán ser beneficiarias as fundacións inscritas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

 
Ligazón á orde no DOG:
Data de actualización: 27/01/2023