A Xunta e a Deputación de Ourense avanzan no cambio de modelo de xestión para os catro parques de bombeiros do Consorcio Provincial

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou na reunión do pleno do Consorcio Provincial de Ourense para a prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento e tamén na constitución da comisión de estudo técnico-xurídica encargada de redactar a memoria xustificativa sobre o paso á xestión directa do servizo

A Xunta aposta por unha prestación homoxénea dos servizos de emerxencias en toda a comunidade e polo diálogo coas administracións para ofrecer aos cidadáns unha atención eficiente e áxil

Ourense, 26 de xaneiro de 2023 O Consorcio Provincial de Ourense para a prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, integrado pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, acordou hoxe avanzar nos trámites que avalen o cambio de sistema de xestión do servizo para implantar un modelo de xestión directa nos catro parques de bombeiros deste consorcio, isto é, os de O Carballiño-Ribeiro, Xinzo de Limia, Verín e Valdeorras.

Desta forma, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou primeiro na sesión extraordinaria do Pleno do Consorcio Provincial de Ourense e, a continuación, na reunión de constitución da comisión de estudo para determinar a forma de xestión dos servizos competencia do consorcio. A ambas reunión tamén asistiron o presidente do Consorcio Provincial, Pablo Pérez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Así, no pleno de hoxe aprobáronse os acordos que procede adoptar de forma transitoria en relación coa determinación do modelo de xestión do servizo e no encontro seguinte constituíse a comisión de estudo para realizar a memoria xustificativa da forma de xestión e avaliouse o borrador da memoria elaborada pola intervención da deputación no que se refire ao que suporía a nivel de gasto anual o paso a xestión directa, así como a relación de persoal que tería que ser subrogado.  

Supón un paso máis cara ao cambio de modelo acordado entre a Xunta e a Deputación para a xestión directa dos 4 parques do consorcio. O proceso culminará coa aprobación da memoria noutro pleno, unha vez que remate a tramitación do procedemento correspondente.

Dáse por tanto un novo avance para a implantación do modelo de xestión directa nos parques de bombeiros da provincia, toda vez que se conclúe que dita prestación directa do servizo responde a criterios de eficiencia e eficacia e cumpre co condicionante de que a mesma non supoña un aumento de costes en dita prestación e garanta os dereitos dos traballadores existentes, así como que  non implique maiores aportacións económicas para a Administración autonómica.

Santiago Villanueva destacou a importancia da implicación e da cooperación entre administracións no ámbito da xestión das emerxencias co obxectivo de ofrecer un servizo o máis eficiente posible co que dar unha resposta áxil e eficaz ante calquera incidencia.

A Xunta estableceu xa en 2016 unha vía de diálogo coas deputacións provinciais para definir o modelo de xestión dos parques dependentes dos consorcios provinciais co obxectivo de ofrecer unha prestación homoxénea dos servizos de emerxencias en toda a comunidade, de maneira que sexa igual para todos os cidadáns con independencia do seu lugar de residencia.

O Consorcio Provincial para a Prestación do Servizo Contra Incendios e Salvamento de Lugo funciona cunha xestión directa desde maio de 2019 e o da Coruña desde xaneiro de 2020. No caso de Pontevedra entrou en vigor o novo modelo en 2021 e unha vez culminados os trámites en Ourense os consorcios de bombeiros e salvamento de todas as provincias funcionarán con xestión directa. 

O Goberno galego mantén o seu compromiso na atención ás emerxencias en todo o territorio galego, neste caso para apoiar a actividade dos parques de bombeiros da comunidade, a través dos consorcios. Ademais, a Xunta colabora cos servizos de emerxencias dos concellos -Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES)- tanto no seu funcionamento como na dotación de equipamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2023