A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou esta mañá un novo convenio coa entidade, coa que coopera desde hai varios anos

A Xunta e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia colaborarán para facer máis accesibles os espazos naturais da comunidade

A FAPXG ofrecerá un servizo de intérpretes de lingua de signos e de guías-intérpretes en eventos, actos e percorridos para dar a coñecer estas zonas

Entre as actuacións incluídas no acordo, figura tamén a elaboración de 50 vídeos adaptados e unha visita con andaina incluída a un parque natural co gallo do Encontro nacional de persoas maiores xordas que acollerá Galicia esta primavera

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2023 A Xunta e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG) volverán colaborar este ano co obxectivo de facer máis accesibles os espazos naturais da Comunidade poñendo á disposición do colectivo intérpretes de lingua de signos, entre outras accións.

A conselleira Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da FAXPG, Íker Sertucha, renovaron esta mañá o convenio que desde hai varios anos manteñen ambos organismos co fin de avanzar na eliminación das barreiras comunicativas e contribuír a favorecer a integración social das persoas xordas.

En concreto, garantirase un servizo especializado nas accións de comunicación, actos e eventos de carácter institucional que se promovan desde a Consellería así como nas visitas que se organicen a este tipo de espazos para facilitar a participación das persoas xordas e que poidan gozar plenamente da experiencia de percorrer e coñecer os principais espazos naturais protexidos de Galicia.

A tal fin, a Federación comprométese a ofrecer un servizo especializado neste tipo de accións de difusión, garantindo así unha comunicación real e efectiva entre persoas xordas, xordo-cegas e persoas oíntes a través da posta a disposición de intérpretes de lingua de signos e de guías-intérpretes para apoiar ás persoas xordo-cegas.

Entre as actuacións concretas a executar en virtude do convenio cómpre subliñar a elaboración de 50 vídeos adaptados en lingua de signos. Deste xeito, seguiranse actualizando progresivamente os vídeos institucionais aloxados na páxina web da Xunta dedicada ao patrimonio natural de Galicia para que as persoas xordas que non se poidan desprazar fisicamente aos seis parques naturais, ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas e a outros espazos de interese da Comunidade teñan a posibilidade de descubrir, de xeito virtual, a súa riqueza paisaxística, ambiental e patrimonial.

De feito, nestes momentos hai xa máis dunha trintena de vídeos con intérprete dispoñibles para a súa visualización na referida páxina web e grazas ao convenio asinado hoxe, ao longo de 2023 iranse incluíndo outros novos.

Ademais, entre as obrigas asumidas pola FAPXG para este ano tamén figura a realización de códigos QR adaptados á linguaxe de signos para a súa colocación nos espazos naturais de Galicia.

Por último, garántase a participación e colaboración da Consellería no Encontro nacional de persoas maiores xordas que se celebrará en Galicia esta primavera a través dunha visita programada a un centro de interpretación dun dos parques naturais da Comunidade e que incluirá tamén unha andaina con guía por unha ruta adaptada.

Tal e como subliñou a conselleira, o obxectivo da Xunta con este convenio —para o que achegará un financiamento de 10.000 euros— é facilitar o coñecemento e o acceso das persoas xordas e xordo-cegas aos principais espazos naturais protexidos da Comunidade, así como a aquelas instalacións públicas destinadas a divulgar información sobre os mesmos, como os centros de interpretación e as aulas da natureza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2023