Un total de 25 grupos operativos de innovación recibirán axudas da Xunta por importe de case 4,3 M€ para levar a cabo proxectos no agro galego

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas axudas da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural

O obxectivo destas achegas é fomentar a innovación en áreas como a xestión sustentable dos recursos naturais, sistemas agrarios de produción, cadea agroalimentaria, bioeconomía ou aplicación das TIC ao sector

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2023 Un total de 25 grupos operativos de innovación beneficiaranse das axudas que xestiona a Consellería do Medio Rural para a execución dos seus respectivos proxectos a prol do agro galego ao abeiro da convocatoria de 2022. Así o recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), que publica a resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente desta Consellería, pola que se dá publicidade a estas achegas para proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI). Neste senso, estes 25 grupos beneficiaranse dun total de 4,3 millóns de euros, unhas achegas que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

 

O obxectivo principal desta liña de axudas é fomentar a innovación no medio rural, en áreas prioritarias de actuación tales como a xestión sustentable dos recursos naturais, os sistemas agrarios de produción, a cadea agroalimentaria, a bioeconomía ou a aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao sector.

 

A estas subvencións acolléronse os grupos operativos da AEI constituídos para o desenvolvemento dun proxecto innovador. Desta forma, os beneficiarios foron os distintos membros destes grupos, tales como produtores, empresas do sector, centros de innovación e tamén entidades sen ánimo de lucro, asesoras na conservación ou no uso sustentable dos recursos naturais e outras con interese recoñecido no ámbito rural.

 

Ademais, cabe sinalar que estas achegas repercutirán positivamente sobre a aplicación efectiva da innovación dentro do sector agrogandeiro e forestal galego, coa conseguinte mellora para a sociedade no seu conxunto. Todo isto, tendo en conta que a transferencia de I+D+i ao sector primario beneficia tanto aos diferentes elos da súa cadea de valor como aos consumidores en xeral.

 

Asociación Europea da Innovación

A Asociación Europea da Innovación é un instrumento administrado directamente pola Comisión Europea e foi posto en marcha para contribuír á estratexia “Europa 2020” da UE. Persegue un crecemento intelixente, sustentable e integrador a través dunha rede que xunte a produtores, axentes de innovación e axentes de dinamización do medio rural. Estes colectivos son os denominados grupos operativos, beneficiarios destas achegas.

 
 

Poden consultar a resolución completa, aquí:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230126/AnuncioG0528-180123-0003_gl.html

Data de actualización: 26/01/2023