A Policía Autonómica comisa 162 quilos de ourixo na Coruña

Os axentes tramitaron dúas denuncias por presunta infracción da Lei de Pesca de Galicia pola extracción de ourizos de distintos talles, incluíndo non regulamentarios, no marco dun operativo desenvolvido na zona do Portiño

A Coruña, 26 de decembro de 2022

Axentes do Equipo de Resposta Policial (ERPOL) da Policía Autonómica comisaron 162 quilos de ourizo no marco dun dispositivo de loita contra o furtivismo na Coruña en colaboración co Servizo de Gardacostas de Galicia e coa confraría de pescadores local.

Os axentes, tras ser informados por membros da confraría de que na zona do Portiño se estaban a extraer grandes cantidades de ourizo sen respectar os talles, procederon a realizar un seguimento a un grupo de persoas que resultaron ser furtivos habituais. 

Durante este seguimento detectaron un vehículo cargado con obxectos pesados que conseguiron interceptar despois de que se deran á fuga. A Policía Autonómica comisou 7 cestas e 2 sacos con 162 quilos de exemplares de distintos talles, algúns deles por debaixo do permitido pola normativa vixente. Ademais, os ocupantes do vehículo non dispoñían do título necesario para a extracción deste recurso.

Os axentes da Policía Autonómica, en coordinación coa base operativa de Gardacostas de Galicia na Coruña, levantaron dúas actas de presunta infracción da Lei de Pesca de Galicia e pola extracción de ourizos de distintos talles, incluíndo non regulamentarios.

 

O marisco comisado trasladouse á lonxa da Coruña para a correspondente pesada e posterior entrega á Confraría de Pescadores da Coruña co obxectivo de que volvese sementar os exemplares no mar.

O operativo enmárcase no reforzo realizado pola Policía Autonómica no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2023