Fernández-Tapias estuda co sector hoteleiro medidas para desestacionalizar o turismo en Vigo

A delegada territorial da Xunta mantivo unha xuntanza con representantes dunha vintena de establecementos hoteleiros en Vigo

“Temos potencial para promover a cidade como punto de destino durante todo o ano”, asegurou

Vigo, 25 de xaneiro de 2023 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo este mércores unha xuntanza con representantes dunha vintena de establecementos hoteleiros, todos eles integrados na Asociación de Hostelería de Vigo (Ahosvi) para estudar e planificar medidas coas que impulsar a promoción da cidade como destino turístico durante todo o ano.

 

“Temos un magnífico potencial para converternos en destino turístico de primeiro orde e debemos por en marcha medidas para desestacionalizar a chegada de visitantes e ser un referente os doce meses do ano”, sinalou a representante autonómica.

 

Fernández-Tapias destacou o éxito da programación do Ano Xacobeo 21-22, coa celebración de eventos culturais, así como o incremento da chegada de peregrinos a través do Camiño Portugués da Costa, que xa representa o 7% do total e recuperou o terceiro posto como ruta máis demandada tras o Camiño Francés e o Camiño Portugués. Neste sentido, tamén recibiu propostas por parte dos hoteleiros para organizar novos eventos culturais, deportivos e gastronómicos que poidan favorecer a chegada de visitantes.

 

Axudas establecementos turísticos

Por outra banda, a delegada territorial informou a todos os presentes de que o pasado 23 de decembro de 2022 publicouse a resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia, e establécese a súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2023.

 

O crédito inicial das achegas son de 3,5 millóns de euros, dos que 2,7 van dirixidas a aloxamento e outros 800.000 para restauración. Segundo destacou, trátase dun incremento dun 75% respecto do importe destinado a esta convocatoria en 2022 (2 millóns) e este incremento repercute nos establecementos de aloxamento, que pasan de 1,2 a 2,7 millóns (125% máis).

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/01/2023