O conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias culminan hoxe a súa visita institucional á rexión francesa

A Xunta pon en valor a relevancia a nivel nacional de Galicia e de Bretaña na produción de pataca tanto en cantidade como en calidade

José González e José Balseiros visitaron esta mañá a cooperativa Bretagne Plants que reúne arredor de 270 produtores de pataca e máis de 6.700 hectáreas plantadas, cunha produción que supera as 180.000 toneladas

O conselleiro agradeceu a presenza de técnicos desta entidade e de agricultores bretóns no seminario sobre produción de pataca celebrado días atrás en Coristanco e Xinzo de Limia e puxo en valor a importancia da investigación neste eido

González destacou que a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia comercializou no 2021 máis de 6.000 toneladas e obtivo un valor económico superior aos tres millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2023.-

O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo hoxe en valor a relevancia a nivel nacional de Galicia e de Bretaña na produción de pataca nos seus respectivos países, tanto en cantidade como en calidade. Fíxoo durante a súa visita desta mañá, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, ás instalacións da cooperativa de produtores de patacas Bretagne Plants.

 

Neste sentido, José González lembrou que a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia comercializou no 2021 máis de 6.000 toneladas e obtivo un valor económico que superou os tres millóns de euros. E engadiu que a zona de produción, almacenamento e envasado do produto amparado por esta IXP abrangue toda Galicia, pero que destacan as comarcas de Bergantiños (na provincia da Coruña), Terra Chá, A Mariña luguesa e Terra de Lemos (na de Lugo) e, en especial, a ourensá da Limia.

 

Precisamente Coristanco -en Bergantiños- e Xinzo -na Limia- foron escenario este mesmo mes dun seminario sobre produción de pataca organizado pola Xunta e que contou coa participación de expertos e agricultores da Bretaña. Por iso, o conselleiro agradeceu aos responsables da cooperativa Bretagne Plants a súa colaboración nestes eventos e puxo en valor o feito de que técnicos e representantes do sector desta rexión francesa asistiran ás xornadas e que o especialista bretón Philippe Dolo impartira varias charlas arredor dos labores preparatorios do solo para o cultivo de patacas. Enmarcou esta cooperación na importancia que ten a investigación para a mellora destas producións agrogandeiras.

 

Similitudes do agro

Esta visita da mañá á cooperativa e a que teñen previsto realizar os responsables de Medio Rural ao mediodía a unha explotación de produción de patacas de semente na localidade de Saint Urbain forma parte da súa estadía institucional na rexión francesa. Esta viaxe obedece ás similitudes do agro galego e bretón en ámbitos coma o lácteo ou o da produción de pataca.

 

Na primeira cita do día, os representantes de Medio Rural souberon como traballa Bretagne Plants, unha organización que reúne arredor de 270 produtores de patacas e máis de 6.700 hectáreas plantadas, cunha produción superior ás 180.000 toneladas que nun 64 % é exportada a máis de 60 países.

 

Cabe sinalar que existen dúas estacións experimentais. O conselleiro e o director xeral visitaron a de Hanvec, dedicada ao cultivo in vitro, á experimentación de técnicas de cultivo e aos controis de calidade no laboratorio. A outra sitúase en Kerloï e dedícase á creación varietal.

 

Viaxe institucional á Bretaña francesa

Nestas xornadas na Bretaña, que comezaron o luns e rematan esta tarde, o conselleiro e o director xeral mantiveron diferentes reunións de traballo. Así, o luns tiveron encontros de carácter institucional con autoridades rexionais, así como con representantes tanto da formación agraria como do sector expositivo gandeiro. Estas xuntanzas serviron para reforzar a colaboración entre Galicia e Bretaña en materia de intercambios de experiencias e estadías de agricultores e gandeiros nas respectivas rexións, entre outras accións de cooperación.

 

Onte tamén tiveron a oportunidade de coñecer unha explotación leiteira “metanizada”, que destaca polo aproveitamento enerxético que realiza do metano xerado polas dexeccións gandeiras. O conselleiro valorou este enfoque, que cualificou como moi interesante e coherente coas políticas europeas centradas na aplicación da economía circular.

 

Ademais, cómpre sinalar que o titular de dita explotación é presidente dunha cooperativa de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), que ten posto en marcha un proxecto relacionado coa produción de auga quente comunitaria, que facilita enerxía a edificios públicos mediante a venda dos restos de talas e/ou podas dos socios da cooperativa. Neste senso, o conselleiro puxo en valor o asociacionismo agrario e lembrou que a Consellería do Medio Rural convoca con carácter anual unha liña de axudas para fomentar o uso asociativo da maquinaria común.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/01/2023