Fernández-Tapias destaca o éxito do concurso de ideas para o novo Centro de Asociacionismo de Vigo tras recibir 29 propostas para reformar o edificio dos xulgados

A delegada territorial da Xunta salientou que avanza o proceso para elixir o proxecto gañador para a reforma integral do edificio da rúa Lalín

O obxectivo é habilitar locais para entidades sociais da cidade unha vez que finalice o traslado á Cidade da Xustiza

Vigo, 24 de xaneiro de 2023 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou este martes o éxito do concurso de ideas convocado para o novo Centro de Asociacionismo de Vigo despois de pecharse o prazo de recepción de proxectos cun total de 29 propostas.

 

As bases do concurso de ideas para remodelar o vello edificio dos xulgados e convertelo no novo Centro de Asociacionismo de Vigo publicouse o pasado mes de novembro e pechouse este luns, 23 de xaneiro. O proceso lévase a cabo despois de que o Goberno galego e o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) firmasen un convenio en busca do mellor proxecto.

 

Segundo inclúe o prego de condicións do concurso, o inmoble da rúa Lalín terá un auditorio con aforo para 400 persoas, unha sala de exposición, 6 salas de reunións, 5 salas de ensaio e 5 salas polivalentes, todas elas para uso por parte das asociacións.

 

O documento final serviría de base á redacción do proxecto técnico, básico e de execución, incluído o proxecto de seguridade e de saúde, de xestión de residuos, a certificación enerxética e o proxecto de telecomunicacións das obras de rehabilitación, que o gañador do concurso de ideas presentaría no mes de marzo.

 

Esta actuación pretende habilitar locais na planta baixa e da primeira e quinta do edificio e a súa cesión a asociacións da cidade. Ademais, tamén se poderán trasladar dependencias administrativas que están a ocupar oficinas alugadas. Os traballos poderían estenderse a outras tres plantas -os 2 sotos e o semisoto- que na actualidade se destinan a aparcamento e zona de arquivos, polo que poderían habilitarse unhas 134 dependencias. 

 

As obras inclúen intervencións na carpintaría, revestimentos, acabados e instalacións, así como a mellora da eficiencia enerxética da envolvente do edificio. O orzamento estimado para intervir na totalidade do edificio -incluíndo as tres plantas do soto- ascende aos 12,6 millóns de euros.

 

Nesta contía inclúense 100.000 euros para os premios do concurso de ideas e máis de 409.000 euros para a redacción do proxecto derivado do concurso e a dirección de obra. Nos orzamentos resérvase un crédito de 3 millóns de euros co obxectivo de botar a andar o proxecto e comezar a súa posta en marcha o antes posible.

 
Coa posta á disposición do edificio da rúa Lalín a entidades sociais da cidade para a súa ocupación temporal, a Xunta contribúe a mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2023