O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe a entidade

A Xunta destaca o traballo de ASEM Galicia en favor das persoas con doenzas neuromusculares

O Goberno galego financia o programa de promoción da autonomía persoal que ten en marcha esta asociación viguesa

Vigo, 24 de xaneiro de 2023

O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, destacou hoxe o traballo que realiza a Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM Galicia) para sensibilizar sobre a realidade e as necesidades específicas de quen padece este tipo de doenzas. Díxoo durante unha visita ás instalacións desta entidade na cidade olívica.

González Abeijón lembrou que a Xunta apoia a actividade de ASEM Galicia por medio das axudas con cargo ao 0,7% do IRPF. En concreto, esta asociación, a través de Cogami, recibiu financiamento para o seu programa de promoción da autonomía persoal. Ademais, a Administración autonómica tamén colabora anualmente coas xornadas técnicas que organiza ASEM Galicia.

Así mesmo, o director xeral puxo en valor outras medidas do Executivo autonómico dirixidas ás entidades que actúan no ámbito da discapacidade, como o apoio para a actualización salarial dos seus profesionais, cunha axuda específica de máis de tres millóns de euros; ou a liña de subvencións para a compra de vehículos adaptados.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2023