A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde de Nigrán, Juan González

A Xunta empraza ao Concello de Nigrán a incluír os mapas de risco de inundacións no PXOM e a dotarse dun plan fronte aos asolagamentos

A directora lémbralle ao Concello a obrigatoriedade de ter aprobado un plan de actuación municipal ante o risco de inundación co fin de conseguir a máxima protección para as persoas, bens e o medio ambiente

No municipio de Nigrán existe unha área con risco potencial de inundación que se sitúa na contorna do rego de Pontemuíñas

Explica que a Xunta, a través do Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027, avalía e aplica medidas para minimizar os riscos de asolagamento

Augas de Galicia promove actuacións de prevención como a conservación dos ríos; de protección, co inventario de obras de drenaxe transversal e infraestruturas de defensa lonxitudinal; ou de recuperación, coa promoción do aseguramento

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2023 A Xunta empraza ao Concello de Nigrán a incluír os mapas de riscos de inundación no planeamento urbanístico e a dotarse dun plan de actuación fronte aos asolagamentos.

 

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e técnicos deste ente autonómico mantiveron hoxe un encontro de traballo co alcalde de Nigrán, Juan González, co obxectivo de informalo sobre as actuacións necesarias para reducir os riscos de inundacións neste municipio.

 

No concello de Nigrán existe unha área con risco potencial significativo de inundacións que se sitúa na contorna do rego de Pontemuíñas. Esta área está incluída no Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027, unha folla de ruta que a Xunta actualiza e aproba cada 6 anos.

 

Teresa Gutiérrez informou ao rexedor sobre os traballos que Augas de Galicia está a efectuar, no marco do citado plan, co obxectivo de coñecer, avaliar e minimizar os riscos de inundacións nas áreas con risco potencial significativo de inundación na comunidade en xeral, e no concello de Nigrán, en particular.

 

Este Plan, ademais do coñecemento e avaliación dos riscos asociados ás inundacións, ten como fin lograr unha actuación coordinada de todas as administracións públicas para reducir as consecuencias negativas sobre a saúde e a seguridade das persoas, o medio ambiente ou a actividade económica.

 
 
 

Neste sentido, a directora lembroulle ao Concello a obrigatoriedade de ter aprobado un plan de actuación municipal ante o risco de inundación coa finalidade de conseguir a máxima protección para as persoas, bens e medio ambiente que poidan resultar afectados a consecuencia dos asolagamentos.

 

Explicoulle ao alcalde que o Concello tamén debe adoptar medidas, dentro das súas competencias municipais, para evitar ou minorar eses riscos de asolagamentos.

 

Teresa Gutiérrez chamou a sumar esforzos entre administracións para paliar o risco de inundacións e mitigar as súas consecuencias.

 
O Goberno galego, no marco do Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027, promove actuacións de prevención, coa ordenación do territorio ou a conservación dos ríos; de protección, co inventario de obras de drenaxe transversal e infraestruturas de defensa lonxitudinal; ou de recuperación, coa promoción do aseguramento aos particulares.

Data de actualización: 23/01/2023