A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaron hoxe as instalacións da entidade
A Xunta concede 655.000 € a Aspadisi para a construción dunha nova residencia de atención á discapacidade
Esta asociación é unha das dez entidades de Galicia beneficiarias da nova orde de axudas para a construción ou remodelación de centros de titularidade social, dotada de 13 millóns de euros
O Carballiño (Ourense), 23 de xaneiro de 2023 A Xunta outorgoulle 655.000 euros a Aspadisi, asociación de pais de discapacitados psíquicos da comarca do Carballiño, para a creación dunha residencia de atención á discapacidade. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Administración autonómica en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe as instalacións desta asociación.
Aspadisi é unha das dez entidades de Galicia que se beneficiará da nova orde de axudas para a construción ou remodelación de centros para a atención a persoas maiores e con discapacidade de titularidade social, dotada de 13 millóns de euros. Con este apoio económico por parte do Goberno galego, Aspadisi creará un novo centro residencial con 24 prazas.
Fabiola García destacou o traballo que realiza esta asociación do Carballiño e puxo en valor outras medidas dirixidas pola Xunta para apoiar ás entidades que actúan no ámbito da discapacidade, como o apoio prestado por parte do Executivo autonómico ás entidades para a actualización salarial dos seus profesionais, cunha axuda específica de máis de tres millóns de euros; ou a liña de subvencións para a compra de vehículos adaptados.