A Xunta destina algo máis de 4,5 M€ a 57 cooperativas para promover a utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural onde se indican as persoas beneficiarias da última convocatoria destas axudas


O obxectivo principal é promover a utilización de maquinaria agrícola e fomentar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos


Prevese tamén mellorar os resultados económicos de todas as explotacións beneficiadas e facilitar a súa reestruturación e modernización

 

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se informa das persoas beneficiarias das axudas de 2022 para o fomento de utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia. As achegas son de algo máis de 4 millóns e medio de euros e beneficiarán a 57 cooperativas.

 

Estas axudas teñen como obxectivo principal promover a utilización e introdución de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, así como racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.

 

Con estas achegas prevese mellorar os resultados económicos de todas as explotacións beneficiadas e facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular co obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara ao mercado, así como a diversificación agrícola. A maiores, preténdese reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura.

 

Cabe sinalar que esta convocatoria de axudas enmárcase no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Cómpre lembrar que o prazo de xustificación destas axudas é ata o 30 de setembro de 2023 e o período durante o que deben destinar os bens ao fin concreto é de cinco anos desde o pagamento da axuda.

 

O enlace á resolución no DOG é o seguinte:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230123/AnuncioG0426-130123-0002_gl.html

Data de actualización: 23/01/2023