Arias destaca o apoio da Xunta ás asociacións na xornada de convivencia cos veciños de Esperante

Lembra que ata o 17 de febreiro poden solicitarse as axudas da nova convocatoria dirixida a respaldar a actividade das comunidades veciñais

Tamén fixo entrega dun cento de chalecos anti reflectantes que se repartirán entre os asociados, dentro da campaña do Goberno galego para concienciar sobre a utilidade desta prenda para mellorar a seguridade nas estradas
 

 

Lugo, 21 de xaneiro de 2023.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe o apoio do Goberno galego ás asociacións durante a súa participación nunha xornada de convivencia organizada pola agrupación de veciños de Esperante e o colectivo de mulleres A Casiña, no municipio de Lugo.

Arias apuntou que a función dinamizadora das asociacións veciñais “adquire aínda maior dimensión nas zonas rurais, onde xogan un papel fundamental para impulsar a cohesión social e a participación cidadá”. Felicitou á entidade de Esperante “por ser unha das máis activas” do concello, ademais das máis antigas, xa que funciona desde 1988.

Explicou que a Xunta vén de abrir o prazo da nova convocatoria de axudas para apoiar a actividade destes colectivos, dotada con 3 millóns de euros. As achegas, que poden solicitarse ata o 17 de febreiro, van destinadas a financiar obras nos locais sociais, adquirir novo mobiliario e equipamento ou reparar captacións e traídas de auga no caso das comunidades de usuarios de augas.

Ao abeiro desta liña de subvencións, a asociación de veciños de Esperante obtivo 8.200 euros en 2022 para realizar traballos de acondicionamento e renovar equipación no seu local social.

Entrega de chalecos

Arias aproveitou a xuntanza para facer entrega dun cento de chalecos anti reflectantes que se repartirán entre os asociados, dentro da campaña que ten en marcha a Xunta de Galicia co fin de concienciar á cidadanía da importancia de levar esta prenda cando transiten por unha beiravía. “O emprego do chaleco anti reflectante por parte dos peóns, que son os usuarios máis vulnerables das estradas, axuda a previr e evitar atropelos e pode salvar moitas vidas”, incidiu.

Data de actualización: 21/01/2023