A Xunta cédelle ao Concello de Trazo a titularidade dunha parcela situada na concentración parcelaria de Benza para fins de interese xeral

O Goberno local solicitou a titularidade deste predio á Consellería do Medio Rural co fin de ampliar unha área recreativa

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2023 A Consellería do Medio Rural vén de cederlle ao Concello de Trazo a titularidade dunha parcela situada na concentración parcelaria de Benza para fins de interese xeral.

 

Neste senso, cabe salientar que cando un proceso de reorganización do territorio aínda non está rematado, os concellos poden solicitar a cesión da titularidade de predios do Fondo de Terras (masa común) para equipamentos colectivos ou fins de interese xeral. Neste caso concreto, o Concello de Trazo solicitou a titularidade desta parcela co fin de ampliar unha área recreativa.

 

O proceso de concentración parcelaria da zona de Benza, que está actualmente en fase de acordo, afecta unha superficie de 1.074 hectáreas, repartidas en 1.138 leiras propiedade de 457 veciños.

 
Cabe engadir que o impulso ás reestruturacións parcelarias é unha das principais liñas de traballo da Consellería do Medio Rural. Para esta finalidade, o departamento que dirixe José González destina só este ano un orzamento total de 17 millóns de euros.

Data de actualización: 22/01/2023