O colexio da Lama inaugura unha nova biblioteca escolar más ampla e mellor equipada

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, participan na apertura deste espazo de lectura no que a Xunta acaba de investir 55.000€
 

A Lama (Pontevedra), 20 de xaneiro de 2023

O colexio público CEIP A Lama (Pontevedra) conta cunha nova biblioteca escolar máis ampla e mellor equipada grazas ao apoio da Xunta de Galicia que, a través da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, acaba de investir un total de 55.000€ na obra de remodelación e mellora para reforzo do equipamento e mobiliario e adquisición de novos fondos bibliográficos.

 

A directora xeral Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o director xeral de Centros de Recursos Humanos, Jesús Álvarez, participaron hoxe na inauguración desta nova instalación, un espazo renovado e ampliado que gaña 300m² máis e que conta cunha sala central e zonas específicas para os programas Biblioteca Creativa e a Radio na Biblio, impulsados pola Consellería.

 

A intervención tamén supuxo a substitución de falsos teitos e a renovación do sistema de iluminación e das carpinterías, o redeseño dos accesos e a colocación dun material común de vinilo cun acabado en madeira de carballo en todo o chan, o que lle confire uniformidade a todo o espazo.

 

Numerosos recoñecementos

A biblioteca é dos espazos máis dinámicos deste centro que desde o curso 2009-10 forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia.

 

A implicación académica de docentes e alumnos no uso da biblioteca queda reflectida en numerosos recoñecementos como os premios obtidos no Concurso por traballos do curso 2020-21 coa proposta Os instrumentos do Pórtico da Gloria, e no curso seguinte con Algunhas árbores, moitos paxaros. Entre outros galardóns, cómpre mencionar tamén o primeiro premio no Concurso nacional de boas prácticas para a dinamización e innovación das bibliotecas dos centros escolares en 2011.

 

Debido a esta brillante traxectoria, foron convidados a participar no Programa de Lectura, Información e Aprendizaxe LÍA.3 da Xunta para avanzar nun modelo de biblioteca escolar deseñada como laboratorio creativo de aprendizaxes aberto a toda a comunidade escolar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/01/2023