A Xunta amplía os horarios de vacinación da Covid e fai un chamamento a poñer a dose de reforzo

Desde mañá sábado haberá máis puntos de vacinación en todas as áreas, incluíndo a fin de semana

É importante facer o proceso de xestión da cita previa antes acudir para non ter que agardar

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2023

A Consellería de Sanidade amplía os horarios nos puntos de vacinación para cidadáns que aínda non teñan posta a cuarta dose da vacina fronte ao coronavirus. Así, desde mañá sábado, 21 de xaneiro, todas as áreas ampliarán os días nos que se poderá acudir a poñer a vacina, incluíndo sempre a xornada do sábado. Tamén abrirán o domingo os puntos de vacinación situados en todos os distritos sanitarios, excepto en Cee, O Barco e Verín.

 

Auméntase así o número de citas dispoñibles en todas as áreas e facilítase que as persoas poidan solicitar a súa vacina. É importante facer o proceso de xestión da cita previa antes de ir aos puntos de vacinación, para que as persoas que acudan non teñan que agardar. Pode facerse a través da aplicación Sergas Móbil ou no teléfono 881 54 00 45.

 
 

Chamamento á vacinación

A Dirección Xeral de Saúde Pública volve facer un chamamento á vacinación e sinala que, para a xente que aínda non teña posta a cuarta dose, hai 29.000 citas dispoñibles semanais para adultos e 1.100 para nenos e nenas no sistema de autocita, nos lugares e horarios que se poden consultar no seguinte enderezo:

 

Galicia segue a ter as mellores taxas de España de vacinación. Así, é a primeira en porcentaxe de vacinación con doses de recordo en maiores de 80 anos, cun 86,64%; tamén na franxa de 70-79 cun 82,14%; e en 60-69, cun 72,17%, segundo os datos do último informe nacional publicado hoxe.

Data de actualización: 20/01/2023