O conselleiro de Cultura inaugura a exposición no Arquivo Histórico Provincial de Cáceres

A Xunta impulsa o coñecemento da Vía da Prata en Estremadura cunha mostra que percorre 150 anos da fotografía vencellada ao Camiño de Santiago

‘A Vía da Prata. Aires do Sur’ recala en Cáceres logo de ser visitada por máis de 16.000 personas na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela

A exposición inclúe 76 instantáneas de 33 fotógrafos clásicos e contemporáneos que constrúen un relato evocador da Ruta Xacobea

Román Rodríguez salienta “o vínculo que a Vía da Prata establece entre Galicia e Estremadura e o amplo legado arquitectónico e monumental que as une

Impulsada pola Xunta coa colaboración da Junta de Extremadura e comisariada pola historiadora e documentalista Lucía Laín, poderá visitarse ata o 9 de abril de 2023
 

Cáceres, 20 de xaneiro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou hoxe en Cáceres A Vía da Prata. Aires do Sur, exposición que reivindica o patrimonio cultural e histórico do Camiño de Sevilla a Santiago de Compostela a través da ollada de 33 figuras clásicas e contemporáneas da fotografía. A mostra poderá visitarse no Palacio Toledo-Moctezuma de Cáceres, sede do Arquivo Histórico Provincial, ata o 9 de abril deste ano, prolongando a programación expositiva coa que se celebrou o Xacobeo 21-22.

O titular de Cultura do Goberno galego destacou esta exposición como “unha oportunidade para descubrir e afondar no significado e a historia da Vía da Prata e os vencellos entre as xentes e pobos de Estremadura e Galicia”. A súa relevancia como ruta comercial, cultural e tamén como senda espiritual de peregrinación, que se remonta desde o Imperio Romano ata os nosos días, deixou “un amplo legado arquitectónico e monumental que une ambos territorios nun mesmo relato”.

A mostra chega a Cáceres organizada polo Goberno galego a través da Cidade da Cultura –onde foi exhibida orixinalmente– e a Junta de Extremadura. No acto de inauguración, o conselleiro de Cultura da Xunta estivo acompañado pola secretaria general de Cultura da Consejería de Cultura, Turismo y Deportes de la Junta, Miriam García Cabezas; pola directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e pola comisaria da mostra, Lucía Laín.

Román Rodríguez agradeceu o compromiso e apoio da Junta de Extremadura para levar esta mostra fóra de Galicia, e confiou en que esperte o interese dos cidadáns e visitantes de Cáceres na mesma medida en que o fixo en Santiago de Compostela, onde foi visitada por máis de 16.000 persoas entre xuño e setembro do ano pasado.

Fotografías que atravesan séculos

A Vía da Prata esténdese ao longo de máis de 1000 quilómetros, desde Sevilla a Santiago de Compostela, atravesando terras de Andalucía, Estremadura, Castela e León e Galicia. Nesta exposición, percórrense nun carrusel fotográfico que vai de finais do século XIX ata os nosos días. Un total de 76 instantáneas de grandes mestres da arte fotográfica e figuras emerxentes que espertan a memoria, reivindican festas e tradicións e descobren a realidade menos coñecida de pequenas localidades que atravesa o Camiño.

Entre os estudos e artistas clásicos que forman parte da exposición sobresaen os nomes de Jean Laurent, José Suárez, Nicolás Muller ou Otto Wunderlich, entre outros. Na parte contemporánea, os premios nacionais de fotografía Cristina García Rodero e Juan Manuel Castro Prieto e tamén destacados referentes da fotografía documental como Carmenchu Alemán, Vicente López Tofino ou Anna Turbau. 

Preservación do patrimonio

A mostra A Vía da Prata. Aires do Sur reivindica o labor de catalogación, documentación e conservación de museos, arquivos e coleccionistas na conservación e transmisión do patrimonio vivo das Rutas Xacobeas. Neste sentido, o conselleiro de Cultura destacou o afán investigador da comisaria do proxecto na procura de imaxes que “configuran un relato evocador, persoal e íntimo sobre a distancia e o paso do tempo e ilustran, á vez, a activa relación entre tradición e natureza que conforma o Camiño de Santiago”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/01/2023