Diego Calvo destaca a oportunidade que supón para o turismo deportivo a celebración por primeira vez en Galicia do Mundial J-80 de vela

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, participou xunto coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na presentación en Fitur desta competición internacional

Levarase a cabo en Baiona do 18 ao 24 de setembro coa participación de 80 veleiros e os mellores regatistas do mundo nesta categoría

Madrid, 19 de xaneiro de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta mañá na presentación en Fitur do Mundial J-80 Baiona 2023 de vela que se celebrará en Baiona do 18 ao 24 de setembro. No acto, no que estivo acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a importancia de que esta proba internacional se leve a cabo por primeira vez en Galicia como reclamo turístico.

 

Por iso, apelou ao valor engadido que aporta a combinación entre turismo e deporte con probas deportivas de primeiro nivel para incrementar a presenza internacional da marca Galicia e dar a coñecer a través de competicións coma estas a oferta turística da comunidade e, sobre todo, de Baiona.

 

Nesta liña, incidiu en que o Mundial J-80 de vela contribuirá tamén a posicionar a comunidade galega como un lugar idóneo para acoller eventos deportivos de primeiro nivel. En concreto, no que se refire ao turismo náutico, Diego Calvo puxo en valor as boas condicións para a navegación e, polo tanto, para disputar probas coma este mundial. Ademais, sinalou a aposta de Galicia polas competicións con embarcacións da clase J-80 con barcos de 8 metros.

 

Neste obxectivo fixo referencia ao traballo realizado polo Monte Real Club de Yates de Baiona para organizar este evento, así como a súa traxectoria no fomento da categoría
J-80 desde que trouxeron os primeiros barcos en 2012.

 

A nivel deportivo, lembrou a aposta da Xunta pola vela a través da colaboración coa Federación Galega de Vela ou co mantemento do Centro Galego de Vela de Vilagarcía, unha das instalacións satélites do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) do que saíron grandes deportistas galegos. No caso da vela confía en que nos Xogos Olímpicos de París 2024 os representantes da comunidade revaliden os éxitos de Antón Paz e Fernando Echávarri en Pequín 2008, Támara Echegoyen e Sofía Toro en Londres 2012 e de Nico Rodríguez en Toquío 2020.

 

Pola súa banda, Nava Castro lembrou que a celebración do mundial supón o colofón a anos de esforzo por parte da Xunta, os clubs náuticos e demais entidades do sector co obxectivo de celebrar na comunidade numerosas competicións desta disciplina.

 

O Mundial J-80 de Baiona deste ano será o cuarto que se celebrará en España despois dos de Santander en 2009, Sotogrande en 2016 e Getxo en 2019. A competición chegará a Galicia despois de pasar por Dinamarca (2021) e Estados Unidos (2022).

 

O Monte Real Club de Yates mantén a aposta pola categoría J-80 a través das dúas ligas destinadas a estes monotipos e con regatas específicas como o seu tradicional Trofeo Príncipe de Asturias. O próximo setembro encargarase da organización do mundial, no que se darán cita os mellores regatistas de J-80 do mundo que competirán en 80 veleiros de diferentes países.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/01/2023